Antón Sánchez vén de rexistrar unha iniciativa parlamentar na que denuncia como os amplos operativos policiais para executar desafiuzamentos ou “controlar” as Marchas da Dignidade contrastan coa inoperancia cometida neste caso.

Galiza, 30 de novembro de 2014-. Os feitos acontecidos en Madrid ao redor da celebración do partido Atlético-Deportivo, co asasinato de Jimmy e centos de feridos, son valorados por Anova como de extrema gravidade. Máis aínda cando este tipo de agresións e enfrontamentos son repetitivos no tempo e previsíbeis cos medios dos que dispoñen hoxe en día as forzas de seguridade do Estado.

Porén, os delegados do goberno español, en Galiza e en Madrid, tiñan outras prioridades. O domingo era unha xornada de descanso. Había que conceder moitos permisos, logo de investir persoal, tempo, e un orzamento sospeitamos que bastante elevado en controlar as manifestacións pacíficas da cidadanía organizada, como as celebradas polas Marchas da Dignidade, que contaron cun operativo importante (varias dotacións e mesmo un helicóptero desprazados a Compostela) para vixiar ao pobo organizado na defensa dos seus dereitos.

Lembramos tamén, por exemplo, a mobilización de forzas policiais para facer efectivo un desafiuzamento inxusto no barrio de Elviña a pasada semana, que volve contrastar coa pouca previsión e falta de intereses das autoridades e mandos policiais ante o que era un encontro futbolístico, mal valorado de “baixo risco”.

Resulta inaudito pensar que un grupo de “ultras”, de declarada ideoloxía nazi, capaz de dar unha malleira mortal e logo afogar nun río a unha persoa, poida ter un espazo, deportivo ou social, na Comunidade de Madrid, e (mal)usar o deporte como plataforma para espallar esta ideoloxía, coa evidente complicidade dos poderes políticos, deportivos e económicos.

Anova quere trasladar o seu pésame á familia de Francisco José e a toda a afección do Deportivo da Coruña e do Atlético de Madrid. Así, vai esixir responsabilidades políticas polo acontecido, tanto ao Delegado do Goberno na Galiza como á mesma autoridade en Madrid.

Neste sentido, o noso deputado Antón Sánchez, vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego na que insta ao Goberno do Estado a se investiguen os graves feitos acontecidos o domingo 30 de novembro nas inmediacións do Manzanares, Madrid, e que acabaron co asasinato de Francisco José Romero Taboada e, especialmente, o operativo de seguridade implementado. De igual xeito, esíxense responsabilidades políticas por este feito e o cese da Delegada do Goberno en Madrid.