O 36 aniversario da Constitución Española de 1978 chega nun mal momento para o réxime que a orixinou. Corrupción xeneralizada, paro, pobreza, destrución da mínima estrutura de benestar social, desprotección e desamparo social por parte das Administracións públicas, intento de recentralización e negación da vontade nacional dos Pobos e Nacións sen Estado.

O seu articulado de “dereitos” nunca foi cumprido. O artigo 35 ou o 47 son violados cada vez que hai un desafiuzamento ou un despedimento, cada vez que unha familia non pode prender a calefacción para se quentar no duro inverno, mentres os datos indican que en Galiza producimos excedente enerxético de electricidade!

Pola contra, nestes 36 anos, a Constitución Española sempre foi empregada de parapeto fronte as reivindicacións sociais e nacionais. Dísenos que é sagrada e inamovíbel, pero a realidade é que foi modificada cada vez que o bipartidismo e os intereses das oligarquías así o reclamaban. Pasou no 1992 co Tratado de Maastricht e no 2011 co artigo 135 para dar, en ámbolos dous casos, satisfacción aos desexos da Troika. Pola contra, sempre se nos di que a Constitución Española é intocábel para sacralizar a unidade española e negar o dereito democrático da autodeterminación dos pobos, mesmo a través da forza do exército.

A saída a esta crise sistémica só pode ser a través da creba democrática e da ruptura co réxime de 1978. A cidadanía galega agredida, tanto desde gobernos propios que nunca viron a Galiza como unha nación, como dende o bipartidismo español e a Troika europea sabémolo ben. Desde posicións de esquerda e nacionalistas debemos traballar por superar o réxime do 78 procurando alianzas, tanto políticas como de acción popular e cidadá, que garantan a presenza do suxeito político galego nuns máis que necesarios e urxentes procesos constituíntes que recoñezan a plurinacionalidade do Estado e, xa que logo, permitan aos pobos como o noso decidir o seu destino a todos os niveis, o que debe incluír tamén a escolla da forma na que desexamos relacionarnos con outros pobos e nacións.

O punto de chegada debe ser, polo tanto, decidido polo pobo galego. No entanto, queremos manifestar que para as mulleres e homes de Anova o desexábel sería a instauración dunha República Galega como marco legal no que a soberanía nacional sexa exercida polo Pobo Galego a través da soberanía popular como garante dunha sociedade máis xusta, igual e fraternal.