Unha vez máis os escasos principios democráticos que o PP ten no seu haber son postos de manifesto. Mentres a permisividade é absoluta cos casos de corrupción nos que eles mesmos ou a familia real se están a ver envoltos, tentan aplicar novas leis que estrangulen ao común da cidadanía e ao conxunto dos movementos sociais.

Movementos sociais, que cuestionan a lexitimidade do poder establecido, así como tentan, sen ser o seu deber, poñer parches ás nulas políticas sociais que o Partido Popular está a levar a cabo.

A Lei de Seguridade Cidadá xunto con outras reformas como a do Código Penal e a Lei de Propiedade Intelectual que está a levar a cabo o Goberno do Partido Popular pretenden limitar de xeito radical as liberdades públicas da cidadanía, co obxectivo claro de lograr unha cidadanía adormecida que non ofreza oposición o adoutrinamento e o pensamento único marcado polo Partido Popular.

A persecución de calquera tipo de rebeldía volve a ser sinal de identidade dun goberno que amosa as súas raíces máis fascistas, e busca instaurar o medo nunha sociedade que cada vez está máis concienciada do seu propio poder como pobo. Un goberno represor que ten como único obxectivo o control férreo da información que impida de xeito efectivo a organización de protestas ao amparo dos dereitos fundamentais de liberdade de expresión e reunión.

A persecución da protesta pacífica, como os peches, escraches, concentracións para evitar desafiuzamentos, despregue de faixas, manifestacións de empregados públicos ou incluso a recollida de sinaturas con mesas na rúa, pon de manifesto que a día de hoxe son eles os que temen ao pobo.

Castigos ás ofensas aos símbolos do imperio, como bandeiras e institucións, mentres opta por reprimir o uso de outra simboloxía que subxectivamente poda incitar a violencia, choca coa total impunidade e permisividade aos actos e símbolos de corte fascista ou nazi, como os vividos hai unha semana en Madrid, e no que foi asasinado un mozo galego.

A reimplantación da censura, prohibindo a toma de imaxes, vídeos ou sons se nelas aparecen membros dos corpos de seguridade limita flagrantemente o dereito de información á sociedade, imposibilitando unha información veraz e pretendendo amedrentar o traballo de xornalistas e reporteiros. Queren controlar a información, máis aínda, ao mesmo tempo que promoven sistematicamente o abuso de poder e a impunidade por parte dos corpos represivos do estado, ao limitárense deste xeito, as probas do uso desproporcionado da forza pola súa parte, tónica común nas últimas grandes mobilizacións.

Anova-Irmandade Nacionalista considera que estas medidas non pretenden outra cousa que encamiñarnos cara un estado policial, no que o conflito social se converta en conflitos de orde pública, criminalizando a protesta mentres o goberno segue a facer deixazón das súas funcións como garante da vida digna de cada un dos membros desta sociedade.

É por todo isto que Anova exercerá a súa oposición frontal a calquera intento por parte do Partido Popular de viabilizar esta ou calquera outro tipo del lei derivada, e continuará na súa loita, día a día e na rúa, para defender os dereitos de todas. Nós non temos medo.

NON Á LEI MORDAZA!