“Básicamente, se trataría de
«ampliar algunos días el rodaje
cuando vuelva un anticiclón
y conseguir así que Galicia salga luminosa».”
(La Voz de Galicia, 16 de novembro de 2014)

Que a Xunta de Galicia pense sequera na posibilidade de doar 350.000 euros aos autores dun videoclip promocional cuxa impagable virtude será algo así como ensinar a beleza dalgunha das nosas paisaxes expresa con absoluta fidelidade o delirio folclórico e destrutivo no que está instalado o goberno presidido por Núñez Feijóo. A brigada de demolición e etnocidio actúa sen rubor, non coñece o sentido do ridículo na execución do seu proxecto de desarticulación cultural, social, económica e política de Galicia. E ademais, fai un alarde obsceno de estulticia cando pretende converter o escandaloso en norma e recoñece con toda naturalidade a súa disposición a enterrar diñeiro público nunha especie de doazón filantrópica con finalidades turísticas. O seu proxecto político pasa irreversiblemente pola destrución das condicións en que se desenvolve a creación cultural e artística en Galicia. Sobre todo cando a lingua aparece como soporte creativo. Ao fondo, sempre na diana, unha lingua, unha cultura, un pobo e unha nación que odian profundamente. Para a súa desgraza, a lingua e a cultura de Galicia sobreviviranos. Galicia sobreviviraos, por sorte para a humanidade.

Esta pintoresca iniciativa só é un chanzo máis no absurdo e vello proxecto de facer de Galicia un plató para producións audiovisuais a baixo custo. É a concepción da cultura coma unha mercadoría fosilizada, na que un encadre e un anaco de paisaxe idílica ten máis valor ca o traballo creativo, técnico e artístico de centos e milleiros de persoas. Galicia luminosa, plató dun videoclip de Enrique Iglesias. Esa é a expresión exacta dos principios rectores da política cultural (e turística, e social e económica) do goberno de Galicia. Fraude e espolio dos nosos bens colectivos.

Sabemos ben que esta caste de investimentos non produce beneficio social senón lucro privado, material e simbólico. Nin incrementan o turismo nin, evidentemente, serven para tecer rede de industria cultural ou turística sequera. Eles tamén o saben. O seu proxecto consiste niso exactamente: destrución do común, do público, daquilo que nos pertence como pobo, en beneficio exclusivo do lucro privado.

Os tempos de crise orgánica e caos sistémico que nos toca sufrir seica obrigan ao aforro xusto alí nos ámbitos dos que sairía máis beneficiada a maioría social agredida. E a pesar de todo, parece que o goberno da Xunta cumpriu aplicadamente os seus mandados e encóntrase con que lle sobran 350.000 euros que non sabe moi ben onde nin como investir. Por iso pensa en doalos, nun arrouto de filantropía, á única actividade cultural que lles resulta recoñecible: unha canción de Enrique Iglesias.

Nós sabemos que a cultura e a sociedade galega son moito máis complexas ca un videoclip. Por iso nos permitimos facer unha humilde proposta: un encontro multisectorial da cultura galega no que artistas, creadoras e creadores, grupos e asociacións de usuarios e agrupamentos de cultura de base decidan como distribuír ese diñeiro en infraestruturas culturais, en creación e difusión e no acceso de toda a cidadanía aos produtos culturais.

Sabemos que é unha utopía que non colle nos universos conceptuais dos gobernantes. Pero tamén sabemos que sería un primeiro chanzo para unha rearticulación cultural que nos enriquecerá colectiva e individualmente.

Contra a barbarie, cultura.