Os animais, historicamente, foron considerados como obxectos ou xoguetes, negándolles calquera semellanza con nós. Todo, debido aos nosos fascismos como especie, que concibe ao ser humano en guerra permanente de explotación e exterminio sobre o resto de seres vivos, converténdoos en inferiores a nós e representándoos como seres que non sofren.

Os seres vivos que nos acompañan na nosa vida no planeta teñen dereito a existir e a facelo dun xeito digno.

Pola contra, o baleiro legal no recoñecemento dos dereitos dos animais é tan amplo como o conxunto de prácticas rituais e industriais que implican morte, tortura ou maltrato animal. As propias touradas son unha representación cruel e violenta, que implica maltrato público, morte e tortura dun mamífero convertido en espectáculo público. É por isto que ningunha sensibilidade minimamente de esquerda pode desfrutar coa tortura pública dun animal. É inadmisíbel tentar lexitimar esta práctica con argumentos de tradición ou estética nunha sociedade como a actual.

Por outra banda, a cuestión do respecto cara os animais levou a cidadanía a demandar novas accións en diferentes eidos normativos. O uso de animais en espectáculos é, quizais, un dos aspectos máis surrealistas que teñen lugar no noso país, nomeadamente os circos, que ofrecen unha imaxe radicalmente distorsionada do que supón a fauna silvestre.

A vida destes animais nos circos caracterízase polo illamento, o castigo, o medo e o cautiverio. As exhibicións de animais nos circos ofrecen tamén unha mensaxe educativa negativa. Aínda que os espectáculos circenses non amosen condutas de violencia explícita á vista dos espectadores, os actos que os animais teñen que realizar durante toda a súa vida son antinaturais, e para obrigarlles a comportarse deste xeito contrario á súa natureza sométense a violentos métodos de adestramento baseados no castigo físico, a privación de alimento e ao illamento do resto dos seus conxéneres.

É por todo isto que nas próximas semanas Anova – Irmandade Nacionalista, por medio dos seus representantes públicos nos diferentes concellos de Galiza, e coa axuda da organización animalista Libera!, presentará sendas mocións para conseguir declarar que ditos concellos se convertan en zonas libres de touradas e exentas da utilización de animais nos circos.