Os terribles feitos de París, como a violencia sistemática desatada coma unha fera descontrolada por tres cuartas partes do mundo, non son un problema de liberdade de expresión exclusivamente. O sistema operou, tamén neste caso, coa lóxica da transmutación. 

Anova, reafirmándose nos principios republicanos, laicos e de defensa da igualdade, a liberdade, a fraternidade e a convivencia pacífica entre os pobos e as nacións do mundo, fai constar a súa máis enérxica repulsa polos asasinatos do pasado 7 de xaneiro en París e polo atentado contra a revista Charlie Hebdo. Por esas mesmas razóns, e por outras máis de pura humanidade, non esquecemos tampouco que no mundo, día a día, minuto a minuto, centos de milleiros de homes, mulleres, nenos e nenas sofren cunha crueldade sen límites as múltiples formas da miserable violencia do Imperio.

A opinión pública occidental, cos elementos que lle é dado manexar, parece atoparse entre posicións defensoras dunha teórica liberdade de expresión sen límite, que inclúe mesmo o dereito a penetrar en territorios de crenzas esenciais de certos grupos humanos, como son as relixiosas, e as que consideran que a coexistencia pacífica nas sociedades modernas require limitar ou impedir expresións ofensivas, ben mediante normas contra posibles discriminacións ou difamacións, ben mediante fórmulas de autorregulación. Será complexo reconciliar posicións confrontadas, pero cumprirá ir construíndo en común ámbitos de convivencia e respecto tanto polas crenzas relixiosas diversas como polo dereito a considerar as relixións desde unha enorme distancia crítica, como é tradición na esquerda. Esta necesidade, en sociedades que son e serán mestizas e nunca uniformes, tamén nos distinguirá de quen, tras unha aparente e oportunista defensa do significante “Liberdade de Expresión” para certos contextos asinan unha Lei Mordaza, pechan xornais, mandan ao código penal as críticas a determinadas institucións -como a Monarquía-, negan o dereito de decisión e de simple expresión democrática do pobo e dos pobos ou ao outro día de se retrataren nas rúas de París prenden ilexitimamente avogados ou continúan estendendo as súas convicións sectarias e relixiosas e a todos os espazos públicos.

Os terribles feitos de París, como a violencia sistemática desatada coma unha fera descontrolada por tres cuartas partes do mundo, non son un problema de liberdade de expresión exclusivamente. O sistema operou, tamén neste caso, coa lóxica da transmutación. Dun golpe, como é norma na sociedade do espectáculo, os feitos abandonaron toda a súa complexidade, as súas contradicións, e convertéronse nunha liña simple que aparentemente nos coloca ou a carón da liberdade de expresión ou fronte a ela. Como no caso doutros significantes maleables, a simplificación é perversa e baleira os termos dos seus significados fortes. Redúceos a material de veloz consumo mediático. Pero tras os acontecementos sempre hai diferentes dimensións que non cómpre esquecer. E entre elas, en lugar principal, toda a complexidade do fenómeno do integrismo teocrático, un fascismo relixioso que, ao contrario das aparencias, non é exclusivo das faccións yihadistas.

O integrismo teocrático é un proxecto de dominación compartido, a arma das potencias imperiais no seu xogo perverso no taboleiro de Oriente Próximo. Lembremos, e sigamos denunciando, a violencia masiva das guerras de agresión que provocan milleiros de vítimas cotiás en Afganistán, Iraq, Libia ou Siria e o papel e responsabilidade de actores como a OTAN, Arabia Saudita, Israel ou a CIA no adestramento, financiamento ou connivencia implícita e manifesta con determinados actores desa complexa rexión do globo, onde priman máis os intereses xeopolíticos, enerxéticos ou do complexo militar-industrial das potencias capitalistas que os intereses populares, a paz, unhas relacións de xustiza e a autodeterminación dos pobos. Lembremos, e sigamos denunciando, o xenocidio dun pobo kurdo que resiste contra a barbarie e a complicidade occidental. As políticas neocoloniais son fonte de inxustiza permanente, e non pode tolerarse a dobre vara que supón apoiar o integrismo teocrático en determinados escenarios e contextos mentres se usa como pretexto para sementar o mundo de violencia, miseria e terror. As potencias occidentais arman os grupos que operan no oriente próximo, ollan a outro lado cando cometen atrocidades, permiten, alentan, financian e promoven unha violencia sistemática que ten como finalidade garantir a explotación e a reprodución dunhas elites económicas coas que comparten negocios.

O integrismo é desde hai décadas unha arma contra todo ensaio de autodeterminación real dos pobos árabes e nomeadamente contra os movementos panárabes socialistas e laicos. A extrema dereita, que non habita só no partido de Le Pen, precisa do integrismo e o integrismo precisa da extrema dereita para impoñeren proxectos non tan distantes, proxectos totalitarios e teocráticos, integristas e opresores. En todos os casos, o pobo é a principal vítima. A construción dun inimigo demoníaco, que pode estar en todos os lados, é para o poder imperial un excelente mecanismo de dominio e control sobre as cidadanías e os súbditos de todo o mundo. A paranoia colectiva como arma de dominio. As chamadas ás expulsións da inmigración e outras derivas xenófobas e fascistas son ferramenta para afianzar un edificio de explotación, de dominio, de opresión e de derrota. Aquí non hai unha guerra entre civilizacións nin sequera entre relixións; aquí hai proxectos de dominación e de sometemento que se retroalimentan e se esixen mutuamente.

Nese contexto debemos entender a falsa dicotomía que, unha vez máis, o sentido común do sistema está a poñer en funcionamento entre Liberdade e Seguridade. É un debate falsario e ruín, e cómpren os máximos esforzos para desmontar socialmente esta falacia a partir da que se constrúe un discurso totalitario. Non estamos dispostos a ter que escoller e, polo tanto, denunciamos e denunciaremos toda tentación involucionista dos gobernos no campo da restrición de dereitos e de liberdades. Cómpre evitar que o fascismo social domine a escena, que triunfe a xenofobia, que no corazón de Europa campen gobernos xenófobos e totalitarios que destrúan a paz e a convivencia por veren nesa destrución a mellor forma de defender os privilexios dunha reducida e brutal elite económica e social. Máis alá do que acontece en Hungría, máis alá do que acontece en Ucraína, máis alá do rexurdir do fascismo por todo o continente -de Grecia á propia Francia- urxe alertar do grave perigo de eclosión do ovo da serpe. En Alemaña veñen producíndose convocatorias racistas de “Patriotas Europeos contra a Islamización de Occidente” (PEGIDA). Non estamos dispostos a asumilo, e denunciamos que os gobernos e outras institucións non poñan freo nin remedio a esta ameaza nuns casos e noutros sexan colaboradores necesarios. Os medios de comunicación clásicos inciden moi pouco neste fenómeno mentres magnifican outros de menor intensidade e perigosidade potencial. Ninguén actúa inocentemente.

Non pode tolerarse a vinganza, material ou simbólica, contra a comunidade musulmá en Francia e no resto de Europa. A roda do odio é un xogo perigoso que  leva ao desastre. Tamén nos repugna como se socializa, a través dos medios masivos, a vinganza do estado na execución dos supostos autores materiais dos noxentos feitos e se promove unha revisión do concepto de xustiza que na práctica suspende garantías e nos mantén nun estado de excepción permanente no que as execucións sen xuízo previo parecen non ser cuestionadas nin sequera desde un plano intelectual.

Os nosos dereitos de cidadanía, conquistados palmo a palmo a través de longas e duras loitas colectivas, son hoxe vítimas mortais tamén deste acto miserable e das súas consecuencias. Pero o acontecemento do 7 de xaneiro ten máis extensións ás que non podemos permanecer ignorantes. Nesta fase histórica en que está en cuestión o sistema e o réxime que o sustenta, todos os movementos do poder do imperio e dos seus gobernantes parecen transparentes. Observar nas rúas de París, non lonxe espacialmente dunha multitude digna e democrática, como algúns dos mandatarios máis desprezables da historia posaban con rostro compunxido fai que a indignación de todas as persoas de ben se multiplique e advírtenos da verdadeira natureza de lexitimación dun poder irreversiblemente ilexítimo levantado sobre o sufrimento. Non citaremos os seus nomes por puro respecto pola humanidade.

Vivimos unha encrucillada histórica que pode desembocar ou ben nun proceso de emancipación popular, en marcha en toda Europa, nomeadamente nos estados do sur, ou ben nunha refundación reaccionaria a partir dunha renovada conquista de lexitimidade. Só a unidade popular poderá deter este evidente refluxo reaccionario que empeza a producirse a partir dun momento que as elites aproveitan para lexitimar, tras un acontecemento tráxico, as razóns e as formas imperiais. E nese sentido, talvez agora máis ca nunca o eixo dereita-esquerda, ou sexa, totalitarismo-democracia, cobra unha centralidade á que sería unha irresponsabilidade renunciar. Poñámolo todo en vigor e construamos espazos plurais e extensos, mestizos, de unidade popular para combater os fascismos, os totalitarismos, a inxustiza, e conquistar un mundo novo.

Contra a violencia, o fanatismo relixioso e o fascismo!
Liberdade, Igualdade, Fraternidade!
Viva Galicia Ceibe e Socialista!