Levamos na frente unha estrela, e esa estrela é a lingua de nós. A lingua galega vive, e vivirá máis de mil primaveras. Farao conquistando os espazos que quere ocultarlle un poder ilexítimo. Farao esixindo e conquistando o dereito sen restricións a vivirmos a totalidade das nosas vidas usándoa en todas as situacións comunicativas posibles. Como calquera falante de calquera lingua do mundo.

Unha política lingüística de respecto aparente, de non intervención no conflito lingüístico e nas súas causas, de falsa e perversa equidistancia, aquela construción ideolóxica que recibiu o nome de bilingüismo harmónico, ese foi o modelo que impuxeron os diferentes gobernos do PP de Galicia ata a chegada de Núñez Feijóo á Presidencia. De feito, favoreceuse así a imposibilidade de que a Lei de Normalización Lingüística se materializase nun Plan Integral de Normalización. Este darwinismo lingüístico, en última instancia, naturalizou o proceso de substitución lingüística, non foi capaz de detelo e revertelo. Nin sequera quixo.

En 2004, ante unha difusa necesidade de adoptar algunha medida que frease a perda na transmisión, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Un plan pouco ambicioso pero talvez imprescindible para socializar a conciencia da necesidade e establecer algunhas garantías protectoras. Eran 445 medidas tímidas, pero algún avance significarían se chegasen a ser executadas. No plano político, escenificábase un consenso práctico sobre o idioma, que simbolicamente debería ter certa importancia. Pouco despois, na etapa do goberno bipartito, a política lingüística foi ben intencionada pero insuficiente e ás veces errática. A timidez non superou as barreiras da base material, que é a que determina o conflito. Abonde con lembrar que o decreto do bipartito prevía a posibilidade dun reparto ao 50% de galego e castelán no ensino. Nunca chegou nin a suscitarse a posibilidade de plans de inmersión ou doutras medidas de probada eficacia pedagóxica.

Nese escenario, Feijoo e o Partido Popular gañan as eleccións en marzo de 2009. E arrincan cun discurso que se alicerza no obradoiro conceptual da Fundación FAES, no caldeiro do lixo ideolóxico da ultradereita española. Faino mediante o recurso aos significantes baleiros: liberdade, imposición, dereito a decidir... A perversión da linguaxe para atacar a propia lingua. O Plan Xeral de Normalización, cuxas medidas nin sequera chegaran a implementarse, quedou suprimido de facto, mesmo criminalizado. O discurso uniformizador e ultra do PP e do goberno obrigou ás múltiples sensibilidades normalizadoras a recuar e a acudir ao consenso perdido como horizonte, mesmo sabendo que aquel consenso significaba a perpetuidade dunha política de laissez faire, de deixar facer ao proceso substitutorio. O Presidente Núñez e os seus gobernos pasarán á historia como artífices dunha indisimulada involución en todos os ámbitos, tamén no dos avances legais, que era o único reduto en que as políticas oficiais ofreceran algo nos últimos trinta anos. Adóptanse por primeira vez medidas contra o proceso de normalización e contra a lingua. O Goberno de Galicia é o primeiro, e talvez único, goberno da historia da humanidade que lexisla explicitamente contra a súa lingua. É dicir, lexisla abertamente contra o seu pobo, contra as persoas usuarias desa lingua, contra as falantes. Desas primeiras medidas, salientamos apenas dúas: a eliminación da esixencia dunha proba de galego para acceder a un posto de traballo na administración e o Decreto de Plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que reduciu a presenza do galego no ensino, eliminouno das materias científicas e enviouno á marxinalidade. Esta radicalización uniformizadora e totalitaria da política lingüística do Partido Popular, que sempre fora ineficaz pero nunca tan extremadamente agresiva, agudiza o proceso de substitución e afonda con saña nas causas da perda de transmisión e, por tanto, de falantes. A última enquisa do IGE amosa unha perda de falantes de 13 puntos. Non deixa lugar, pois, a interpretacións optimistas.

A responsabilidade histórica destes gobernantes é inmensa. A súa acción de goberno, as súas medidas lexislativas e o seu repugnante discurso, que contou e conta co apoio de intelectuais orgánicos e de medios de produción simbólica e de comunicación, todos colaboradores necesarios, é equiparable ao peor dos delitos de traizón É un crime de lesa patria.

Mais, a pesar da gravidade da situación, non caeremos na trampa de espallar a mala nova da morte do idioma. Non é así. Nós sabemos que a lingua galega está viva, é rendible e opera con extraordinaria riqueza en todos os ámbitos en que lle é dado situarse, a pesar de todos os obstáculos. Somos moi conscientes de que o futuro nos pertence. Por unha razón sobre moitas outras: o galego é a lingua común de toda a cidadanía de Galicia, independentemente do uso activo que cadaquén faga dela. Todas e cada unha das persoas que vivimos en Galicia usuarias, activas ou pasivas, a todas nos pertence esta lingua de usos vivos en igual medida. Iso quere dicir que esta nosa construción colectiva superará a indecencia e a vileza dos personaxes que aínda ostentan o goberno desta vella nación. Non en van, as clases populares designamos, proxectamos e construímos o futuro co valor creativo da nosa lingua.

A lingua galega vive, e vivirá máis de mil primaveras. Farao conquistando os espazos que quere ocultarlle un poder ilexítimo. Farao esixindo e conquistando o dereito sen restricións a vivirmos a totalidade das nosas vidas usándoa en todas as situacións comunicativas posibles. Como calquera falante de calquera lingua do mundo.

Por todas as razóns expostas, e máis, Anova fai un chamamento a todo o Pobo Galego para que apoie a manifestación do próximo 8 de febreiro en Compostela, convocada por Queremos Galego, para que participe nesta mobilización e para que, alén de resignacións catastrofistas, exprese en común o orgullo de posuír unha lingua de uso para todos os ámbitos da vida. É unha conquista material coa que Anova se compromete, inseparable do proceso de rebelión cívica e creba democrática que dea lugar a un novo espazo de socialización e convivencia.

Por iso levamos na frente unha estrela, e esa estrela é a lingua de nós.

Galiza, febreiro de 2015