Anova-Irmandade Nacionalista súmase ao Día de Acción Global contra os TLC que se desenvolverán a nivel mundial este sábado 18 de abril, e fai un chamamento á tódalas organizacións, plataformas, asociacións e persoas para saír á rúa para loitar contra este tipo de tratados.

Durante as últimas décadas, as empresas transnacionais e os incontábeis gobernos que as amparan levan impoñendo Tratados de Libre Comercio (TLCs) de costas á cidadanía, vulnerando os dereitos de pobos e  comunidades, esnaquizando sobre todo aos países do Sur e poñendo en perigo a sustentabilidade do planeta tal e como o coñecemos. Segundo ATTAC, dende 1959 asináronse máis de 3.000 TBIs (Tratados Bilaterais de Investimentos), a meirande parte nos últimos 15 anos e fundamentalmente entre países “en desenvolvemento” e países “desenvolvidos”.

Na actualidade, movementos sociais de Europa e os Estados Unidos, así como diferentes formacións políticas da esquerda rupturista, estamos teimosos en espir as perigosas e escuras negociacións que se están a dar ao redor do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP) dende 2013 entre os Estados Unidos e a Unión Europea, para así poder frear a barbarie. Este Tratado, que se quere aprobar este ano e require o visto bo do Parlamento Europeo e a ratificación dos Parlamentos dos países cuxas Constitucións así o establezan, quere eliminar as normas reguladoras e as barreiras regulamentarias que reducen os beneficios das grandes corporacións transnacionais, crear un mercado libre para os investidores en Estados Unidos e a Unión Europea e dar ás grandes empresas transnacionais todo o poder, até por riba do poder dos Estados. Experiencias como esta teñen esnaquizado a poboacións enteiras. Sirva como exemplo os devastadores efectos do Tratado de Libre Comercio de América del Norte (TLCAN) especialmente para os máis pobres, hoxe perfectamente constatábel.

A falta de transparencia e de procedementos democráticos no desenvolvemento do TTIP fai imposíbel que a cidadanía sexa quen de seguir as negociacións para garantir a defensa dos intereses públicos que pretenden ser atacados, cando, pola contra, deberan estar sendo protexidos. Na actualidade, as informacións sobre este tipo de negociacións están a ser moi opacas ou case inexistentes e a desclasificación de documentos non fan máis que confirmar as sospeitas do golpe de man pretendido polos grandes lobbies e grupos de presión empresariais.

Anova leva loitado durante os últimos anos polo ben común, pola soberanía alimentar e a do noso territorio, polos nosos postos de traballo, pola liberdade na rede, e sempre esixindo democracia. A nosa eurodeputada, Lidia Senra, xa centrara boa parte da campaña para as eleccións europeas de maio do ano pasado ao redor dos perigos do TTIP. Porén, nesta nesta viaxe non estamos sós nin soas, somos moitos e moitas quen defendemos estes principios e quen día a día nos atopamos nas rúas do noso país para facer ouvir as nosas voces. É no mes de maio cando no Parlamento Europeo comeza o período de ratificación do TTIP, polo tanto a mobilización e a contestación social faise imprescindible. Neste punto cómpre ademais lembrar que o TTIP ten un precedente moi semellante. O Acordo Multilateral de Investimentos (AMI) discutido en secreto pola OCDE para instaurar unha especie de Constitución Mundial do capital que foi tumbado en 1998 pola presión popular. Isto é, pódese facer.

Por todo isto Anova-Irmandade Nacionalista súmase aos actos contra o TTIP que se desenvolverán a nivel mundial este sábado 18 de abril, e facemos un chamamento á tódalas organizacións, plataformas, asociacións e persoas que compartan estes principios, a saír á rúa para loitar contra este tipo de tratados, entre eles o TTIP e o CETA, que pretenden facer efectivo, máis se cabe, o transvase da riqueza ás elites mundiais.

Para rematar, tamén queremos lembrar que non podemos perder a perspectiva. No mundo existen centos de tratados de libre comercio que oprimen especialmente aos máis pobres, especialmente ás mulleres e especialmente aos países do Sur e á biodiversidade e os ecosistemas. Moitos deles están asinados pola Unión Europea e deben ser tamén obxectivo da nosa loita solidaria e internacionalista.

Aproveitamos, asemade, esta nota para conmemorar tamén o día da Loita Campesiña, celebrado anualmente o día 17 de abril. Ámbalas reivindicacións inseparábeis, debido ao ataque furibundo que o TTIP e o CETA pretenden levar a cabo contra as labregas e labregos, contra o noso rural e contra a soberanía alimentar do noso país.

Máis info: https://stop-ttip.org

A DÍA DE HOXE ESTÁN CONFIRMADAS NO NOSO PAÍS AS SEGUINTES CONVOCATORIAS

  • A Coruña. 12 horas. Na Praza de Lugo
  • Ferrol. 12.30 horas. Na Praza de Armas
  • Pontevedra. 12 horas. Na Peregrina
  • Vigo. 20 horas. Na Farola de Urzáiz