Dende Anova-Irmandade Nacionalista queremos manifestar que hoxe sentimos unha enorme rabia, indignación e impotencia polo feminicidio acontecido no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

O deleznábel terrorismo machista segue a cobrarse vítimas. Sen piedade, sen sentido e sen unha resposta efectiva por parte dos poderes políticos e mesmo da nosa sociedade no seu conxunto.

Para Anova, resulta dificilmente explicábel o feito de que, como tantas veces, non funcionase un só protocolo preventivo para evitar o acontecido, cuestión esta que ten moito que ver coa lixeireza e desidia coa que os nosos gobernantes e lexisladores tratan a insoportábel situación xerada polo insufríbel patriarcado da nosa sociedade. Dende Anova queremos, xa que logo, esixir tamén responsabilidades a quen corresponda polo amparo social e lexislativo que se está a conceder ao terrorismo machista.

Con todo, somos conscientes tamén que a propia sociedade no seu conxunto debería facer unha reflexión colectiva sobre as causas reais polas que tantas mulleres son acotío maltratadas, menosprezadas, invisibilizadas, vexadas e asasinadas da man das súas parellas. A desigualdade, a discriminación e a misoxinia deben ser desterradas das nosas vidas xa.

Nestes días de campaña electoral, Anova quere reafirmarse e solidarizarse con elas todas, de xeito que o único acto nacional previsto para hoxe, no que a eurodeputada Lidia Senra ía apoiar a Marea de Vigo ás 20:00 horas foi suspendido. Como é ben sabido, a militancia de Anova concorre ás eleccións do 24 de maio de múltiples xeitos, na súa meirande parte inserida en candidaturas populares, polo que non corresponde a esta organización suspender campaña ningunha. No entanto, queremos animar a quen participe connosco nas diferentes candidaturas a denunciar o terrorismo machista do xeito que consideren oportuno.

Así mesmo, Anova fai un chamamento para que todas as persoas de ben acudan ás concentracións de rexeitamento convocadas para mañá sábado, ás 20:00 horas, en moitas cidades e vilas galegas, ou no seu defecto para que fagan visíbel está enorme vergoña social que nos asoballa do xeito que teñan a ben.

Nin unha máis! Fóra o machismo das nosas vidas!