Anova explorará a posibilidade de apoiar, e xa que logo participar coa súa militancia, nunha mobilización nacional “convocada polo pobo galego”, na que as organizacións partidarias colaboren deixando a un lado as súas siglas para ceder o protagonismo ao estrato cidadán no sentido amplo, tanto na convocatoria, como no lema, na cabeceira e nas intervencións finais.

Neste eido, Anova, como organización política que é, entablará conversas cos diferentes partidos que tradicionalmente convocan actos no día da patria, para coñecer os posicionamentos de cadaquén e valorar se existe a vontade de participar nun 25 de xullo no que o protagonista sexa a cidadanía que integra a nación galega. De igual xeito, conversará con diferente persoas que, na súa condición de cidadáns e cidadás, se teñen manifestado publicamente ao respecto.

Eleccións ás Cortes do estado: Conferencia Política Nacional

Anova-Irmandade Nacionalista celebrará o vindeiro 11 de xullo unha Conferencia Política Nacional para concretar as liñas políticas de cara a afrontar o proceso das eleccións ás Cortes do Estado. Neste eido, e como xa é coñecido, Anova entende que os anteditos comicios deberían significar o desenlace do actual proceso deconstituínte para, como consecuencia, camiñar co horizonte posto nun novo proceso constituínte.

Partindo do proxecto estratéxico definido na constitución de Anova en 2012, que pivota sobre dous eixes: primeiro, o espazo sociopolítico purinacional e a construción da expresión do suxeito político soberano chamado Galiza e, segundo, a recuperación das políticas de esquerda a favor da maioría social, en clave rupturista e coa cidadanía activa como motor do proceso; na dita Conferencia a irmandade fará un exercicio de concreción colectiva no referente aos posicionamentos de mínimos e obxectivos políticos no contexto das eleccións ás Cortes. 

En Teo, a 27 de xuño de 2015