O pobo grego concedeu a Syriza, nas eleccións do 25 de xaneiro de 2015, a responsabilidade de dar unha solución á calella sen saída na que se atopa Grecia a causa da aberrante construción da Eurozona.

A aplicación implacable dunha auténtica doutrina do shock neoliberal auspiciada por órganos da UE non electos democraticamente -a Comisión Europea e o Banco Central Europeo- que, canda o Fondo Monetario Internacional, conforman a chamada Troika, unido ao lastre herdado dun sistema de partidos endogámico, clientelar, corrupto, sumiso a Alemaña e que levaba décadas repartíndose o poder en Grecia, conduciron este país a unha auténtica crise humanitaria.

O programa de Salónica, aquel co que Syriza obtivo a confianza do pobo, foi a ferramenta de autodefensa creada polo movemento popular grego. Un programa que avogaba pola renegociación da débeda, a fin das chamadas políticas de austeridade e a posta en marcha de medidas de rescate social. Un programa que, como logo resultou patente, desbordaba o estreito marco do posible vixente na Eurozona.

Tras meses de agónicas negociacións que evidenciaron a incompatibilidade entre as posicións dos acredores e o programa polo que foi escollido o goberno grego, o Presidente Alexis Tsipras decidiu renovar o seu mandato democrático dando a palabra ao pobo para que se pronuncie a respecto das medidas criminais que pretendía impoñer a Troika, a través dun referéndum que se celebrará o vindeiro día 5 de xullo.

Anova Irmandade Nacionalista, como organización que acredita na soberanía dos pobos e na democracia, quere mostrar a súa solidariedade co pobo grego e co seu goberno. Confiamos en que o pobo grego rexeite a chantaxe mediante un voto negativo, que será expresión de dignidade e confianza nas propias forzas. A loita do pobo grego e dos seus representantes lexítimos é a loita de todas e todos nós, agredidas e agredidos de Europa, máis aló de fronteiras e intereses particulares.

Anova Irmandade Nacionalista quere facer un chamamento a todos os concellos de Galiza, corazón emerxente dun novo poder constituínte, para que amosen, mediante declaracións ou accións simbólicas, a súa solidariedade co goberno e o pobo gregos.

A través da nosa eurodeputada, Lidia Senra, Anova fará chegar formalmente a Syriza, partido co que compartimos grupo no Parlamento Europeo, o noso apoio ao goberno grego fronte á chantaxe do bloque acredor.

Así mesmo, Anova apoiará e sumarase ás mobilizacións e concentracións que se promovan no país en solidariedade co pobo grego.

Contra as superestruturas imperialistas, soberanía.

Contra o fascismo financeiro, democracia.

Galiza, 30 de xuño de 2015.

  Máis info: Semana de Solidariedade con Grecia