As agrupacións locais do PPdeG e mailo PSdG-PSOE en Compostela e na Coruña, en sospeitosa conivencia, bloquean irresponsablemente a constitución das estruturas de funcionamento dos gobernos das mareas. A pinza entre os partidos do réxime contra os gobernos de unidade popular é unha burla á democracia.

Compostela 8 de xullo de 2015-. Os novos gobernos municipais de Compostela e A Coruña sofren dende as investiduras dos alcaldes un indecente boicot por parte da oposición, especialmente a formada polos dous partidos dinásticos, que non parecen ter dixerido moi ben os resultados electorais. As negociacións bilaterais entre os gobernos municipais e os partidos da oposición mesmo demostran moitas veces como as agrupacións locais de PP e PSOE nas dúas cidades se poñen de acordo previamente para presentar propostas exactamente iguais.

Deste xeito, os alcaldes de ambas as dúas cidades e mailos seus equipos de goberno, xurdidos do éxito electoral das candidaturas populares, vense coas mans amarradas para desenvolver coa eficacia necesaria os seus labores de goberno e, xa que logo, o normal funcionamento das institucións, que están para servir aos veciños e veciñas e non aos concelleiros e concelleiras da oposición como, ao parecer, estes pretenden.

Propostas absolutamente irracionais, como a esixencia de distribuír en proporción ao número de edís as dedicacións e contratacións de persoal eventual, obviando quen ten as responsabilidades de goberno, son, amais de insólitas, pois non existen precedentes de semellante ocorrencia, proba palpábel do temor do bipartidismo aos gobernos da xente e dos seus posicionamentos interesados. Descoñecen, ao parecer, que os concellos da Coruña e Compostela non son oficinas de emprego para PP e PSOE.

En ambos os dous casos, as propostas presentadas polas mareas melloran considerabelmente a situación dos partidos da oposición con respecto a lexislaturas anteriores, tanto no referente a dedicacións e contratacións como á composición de comisións e outros aspectos, dando un papel máis protagónico aos plenos e mesmo aos concelleiros e concelleiras da oposición para que fagan o seu traballo. Asemade, reducen a niveis moito máis xustos as retribucións e gastos dos concellos neses aspectos, rematando de vez cos salarios desorbitados, indecentes e insultantes cos que contaban na pasada lexislatura moitos dos que agora boicotean o funcionamento dos concellos.

Non hai xustificación algunha para tal bloqueo, salvo que esteamos a falar de intencionalidades políticas para tratar de transmitir á cidadanía unha suposta incompetencia e inoperatividade dos gobernos das mareas dende o día un. Utilizar con obxectivos partidarios as institucións é, amais dunha indecencia, unha falta de respecto aos veciños e veciñas, que necesitan non só bos gobernos, mais tamén unha oposición honesta e capaz, e mais cando moitos dos seus compoñentes van cobrar sen exercer ningunha responsabilidade de goberno. Non deben esquecer en PP e PSOE que malia estar na oposición os seus concelleiros e concelleiras non se poden inhibir da súa responsabilidade como representantes da parte da cidadanía que lles votou.

Dende Anova reprobamos enerxicamente estes comportamentos dos partidos do réxime na Coruña e Compostela e nos solidarizamos cos gobernos das mareas, mais aínda cando seguen a exercer as responsabilidades que lles foron encomendadas pola cidadanía en situacións extremadamente precarias tanto no político, como no orzamentario como nas súas inxustas situacións persoais. Temos a confianza que os boicots de PP e PSOE non van frear a mudanza que chegou coas mareas. Seguimos, pois, camiñando.

  Foto: Óscar Corral / El País.