O portavoz nacional de Anova participará tamén nun curso de verán da Universidade Complutense de Madrid (UCM) dirixido por Alberto Garzón (IU) e o catedrático de socioloxía Lorenzo Fernández Franco.

Compostela, 10 de xullo de 2015-. Xosé Manuel Beiras emprende o vindeiro luns, día 13, unha viaxe que o levará por Madrid e Barcelona. Na súa primeira parada, o voceiro nacional de Anova participará como poñente no curso de verán da UCM, no que colaboran tamén Izquierda Unida Federal e o Partido da Esquerda Europea, titulado "O proceso constituínte: esquerda, cidadanía e participación", que está dirixido por Alberto Garzón (IU) e o catedrático Lorenzo Fernández Franco. O dito curso terá lugar en San Lorenzo del Escorial.

Beiras intervirá o segundo día das xornadas, martes 14, cuxo eixo será a soberanía nacional e o dereito a decidir. Ás 10 da mañá impartirá unha conferencia titulada "O cambio que nace do pobo; ameazas e oportunidades", para pola tarde, ás 16:30, tomar parte nunha mesa redonda denominada "Unha constituínte do común; o lugar onde imos", que será moderada por Alberto Garzón e na que tamén estarán Sabino Cuadra (Amaiur), Mónica Oltra (País Valencià), Joan Tardá (ERC) e Yolanda Díaz (EU).

O programa completo do curso, no que tamén participarán dende Juan Carlos Monedero a Julio Anguita, Juan López Uralde, Manuel Monereo, Lara Hernández ou Boaventura de Sousa Santos, entre outros, pódese consultar con detalle aquí: http://www.ucm.es/data/cont/docs/71-2015-04-15-73305.pdf

De igual xeito, o portavoz de Anova aproveitará esa estancia en Madrid para manter algúns encontros de diálogo político, entre outros con Sabino Cuadra e co propio Alberto Garzón.

Catalunya 

O mércores, día 15, Xosé Manuel Beiras ten previsto desplazarse a Barcelona. Entre outros actos, será recibido pola alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, ás 16:00 horas na casa do Ajuntament de Barcelona. Beiras tamén se atopará co tenente de alcalde Gerardo Pisarello.

Posteriormente, ás 19:30, manterá un encontro coa CUP (Candidatura d'Unitat Popular) na súa sede nacional da carrer Casp 180. Na dita xuntanza, entre outros membros da CUP, estará o deputado Quim Arrufat. O encontro terá especial interese ao producirse xusto despois da da Asemblea Nacional da CUP, que vai ter lugar o sábado 11 de xullo en Castelló, e na que se escollerá novo secretariado coa vista posta nas eleccións do 27 de setembro en Catalunya.