Resolución aprobada na Conferencia Política Nacional de Anova-IN o sábado 11 de xullo (Hotel Compostela, Praza de Galiza, Compostela).

Reunida a militancia de Anova-IN en Compostela, o 11 de xullo de 2015, aproba a seguinte resolución:

Anova-IN nace o 14 de xullo de 2012 debuxando un proxecto estratéxico que pivota fundamentalmente sobre dous eixes. Por unha banda, o espazo sociopolítico purinacional e a construción da expresión do suxeito político soberano chamado Galiza e, pola outra, a recuperación das políticas a favor da maioría social, en clave da esquerda rupturista e coa cidadanía activa como motor do proceso. Anova é unha ferramenta colectiva para facilitar o antedito proceso, e non un fin en si mesmo.

A unidade popular

A Fronte Ampla e a Unidade Popular son as fórmulas defendidas por Anova para a axudar a construír ese espazo político de ruptura co actual réxime e camiñar, sempre co protagonismo cidadán como bandeira, cara a horizonte dun novo proceso constituínte que, para nós, deberíase cristalizar en: dereito a decidir, república, democracia radical e novo modelo económico e social.

Neste afán, Anova seguirá en interlocución con todos os axentes sociais e políticos cos que, en base aos anteditos eixes, poidamos traballar en común para emprender unha mudanza radical do noso modelo de sociedade, nun primeiro chanzo a nivel da nosa nación como suxeito político soberano, e nun segundo chanzo colaborando en alianzas a nivel de Estado con outros actores cos que compartamos visión e obxectivos.

Precisamos, iso si, máis un diálogo político, procurar a onde imos e que queremos lograr, ca un diálogo sobre fórmulas de confluencia baseadas na sempre imprecisa demoscopia. En todo caso, falar antes de fórmulas electorais que de obxectivos políticos é poñer o carro diante dos bois. Na nosa opinión, toda fórmula electoral será exitosa no noso país se existe unidade en base a obxectivos claros a favor da maioría social e respectando Galiza como suxeito soberano en todos os contextos, tamén no das eleccións ás Cortes do Estado.

A unidade do nacionalismo

Anova agroma hai tres anos co apelido de Irmandade Nacionalista. A autodeterminación cara a independencia está entre os nosos principios políticos. Con todo, non existindo en Galiza un proceso endóxeno dabondo potente neste sentido, concluímos que cómpren aliados tamén a nivel de Estado e a nivel europeo, enmarcados sempre na esquerda rupturista, para avanzarmos no anteriormente apuntado.

Anova está convencida de que a nación a constitúen todos os cidadáns e cidadás, e non só os militantes nacionalistas. Isto é, non son as organizacións partidarias nacionalistas quen encarnan o suxeito político. Non está, pois, entre os obxectivos de Anova a unidade do nacionalismo, entre outras cousas porque o nacionalismo non é unha ideoloxía, senón que existen diversas ideoloxías nacionalistas que, pudendo confluír ás veces en obxectivos comúns, poden e de feito son diverxentes na forma de entender a supervivencia e benestar da nación.

As mareas

Na súa II Asemblea Nacional, o pasado outubro, Anova concluiu que a conformación de candidaturas populares para as eleccións municipais era un chanzo básico na articulación dunha Fronte Democrática e Popular para a creba democrática e novos procesos constituíntes. Un proceso que podía comezar, como así aconteceu co exitoso xurdir das mareas, dende abaixo.

O horizonte estaba para nós tamén posto nunhas eleccións xerais nas que, ao noso entender, a esquerda social e política teñen a oportunidade de trasladar unitariamente ás institucións un programa de ruptura no social que parta, claro está, do recoñecemento dos pobos galego, catalán e vasco e do seu dereito a decidir.

As mareas son xa un novo corpo político neste o noso país, pois dalgún xeito douse un proceso nacional –sen parangón no resto do Estado– con até 70 candidaturas populares non uniformes na súa confuguración, mais si cun eixe rector común: facer políticas a favor da maioría social dende estruturas emanadas e protagonizadas pola sociedade civil. Estes procesos de confluencia local, ao noso xuízo, serían incompletos sen unha confluencia a nivel nacional, por canto o suxeito colectivo é a nación. As mareas teñen hoxe responsabilidades institucionais moi grandes no nivel local, mais tamén a responsabilidade de non ficar tan só en procesos locais ou localistas.

As mareas, xunto coa cidadanía activa e os partidos da esquerda rupturista constitúen os tres piares nos que, ao entender de Anova, debería cimentarse unha alternativa política e electoral de cara ás eleccións ás Cortes. Isto é o que consideramos preciso que entendan todas as forzas políticas.

A cidadanía

Para Anova debe ser a participación cidadá, cunha toma de conciencia colectiva e un salto decidido á acción política, quen protagonice ese cambio cara a ruptura que cremos necesario. Para isto non pode haber nin cortapisas dos partidos nin submisión a un mercado electoral que muda cada día. Cómpre que esa cidadanía pule pola confluencia nacional e esixa ás organizacións políticas e sociais a audacia suficiente para sumarse a un proceso colectivo para cambialo todo.

Proxectos e fórmulas electorais

Xa indicamos anteriormente que calquera tipo de entendemento debe comezar polo diálogo político. Por tanto, unha alternativa debe fundarse nun proxecto e un programa comúns.

Mais entendendo o interese que suscita a posíbel fórmula electoral de cara ás eleccións ás Cortes, Anova quere transmitir que para esta a nosa Irmandade, existen algunhas fórmulas electorais que non responden aos obxectivos estratéxicos de creba democrática, protagonismo da cidadanía, proceso constituínte e libre decisión do pobo galego como suxeito sobernano. Por unha banda, as que entenden unha candidatura galega como un apéndice –electoral– dunha outra marca de ámbito estatal. Pola outra, pularemos por unha alternativa nacional galega, pois o suxeito debe ser a cidadanía galega, mais non por unha candidatura exclusivamente formada polo nacionalismo organizado.