O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, interveu hoxe no curso de verán da Universidade Complutense de Madrid “O proceso constituínte: esquerda, cidadanía e participación”, celebrado no Escorial.

Foi presentado por Alberto Garzón, un dos directores do curso: “para min Beiras é unha das miñas referencias. É quen mellor encarna a onceava tese de Marx, a que fala de interpretar o mundo de diferentes maneiras máis para transformalo”.

O Escorial, Madrid, 14 de xullo de 2015-. 

Beiras trazou durante a súa intervención un bosquexo da situación actual, explicando previamente o seu pensamento “nacionalista de carácter emancipador mesmo con moitos elementos libertarios”, en contraposición aos nacionalismos opresores.

“Estamos no final dun ciclo histórico a nivel do sistema-mundo, a nivel europeo e a nivel do Estado español. Non ten saída. Un ciclo esgotado pero que aínda hai que derrotar politicamente”, comezaba Beiras. Como exemplo puxo o caso da Unión Europea: “é a antítese dunha Europa dos pobos, dunha Europa cidadá e dunha Europa social. Non vale de nada tentar reparala”, para tamén facer autocrítica: “a esquerda europea non temos un programa económico alternativo ao que impón a troika. Por agora só temos rótulos. Debemos cobstruír iso urxentemente”.

O portavoz de Anova centrou a meirande parte da súa intervención en debullar a crise do modelo de Estado, para el obsoleto, especialmente no referente ao desencontro entre a cidadanía e as diferentes formas de representación política. Así, insistiu en que nas vindeiras eleccións ás Cortes “non debemos ir a un cambio de inquilinos, senón a unha ruptura democrática que, malia que non se dea de contado, debería estar claramente no horizonte para que a praxe dunha nova cultura política emerxente non se desvíe do necesario obxectivo de mudar de réxime a favor da maioría social”.

Beiras dedicouse posteriormente a explicar ao alumnado madrileño e aos asistentes, entre os que estaban entre outros Sabino Cuadra (Amaiur), Juan Carlos Monedero (Podemos) ou Lara Hernández (IU), o seu ollar sobre o proceso vivido en Galiza dende hai tres anos “non para que extrapoledes aquí, senón por se vos pode servir para seguirdes camiñando”.

No entanto, amosou a súa preocupación ao respecto de que “se se emprende a creación dunha marea galega, como así parece querer moita xente, e hai forzas políticas que se desmarcan pero cuxa militancia participou nelas, sería unha irresponsabilidade, pois meterían unha bomba de reloxería neses procesos cidadáns tan exemplares e ilusionantes”. “Neste intre en Galiza hai tres patas. A cidadanía activa autoorganizada, as mareas e os partidos da esquerda rupturista. A tarefa é a de ensamblar todo iso para articular unha alianza de clases e de suxeitos de soberanía cara ás eleccións ás Cortes, cunha alternativa programática clara e o irrenunciábel protagonismo ciadadán”, e continuou apuntando que “as mareas, malia que moitos non o saiban, son un movemento claramente republicano”. “A cimentación na nosa terra está botada, mais agora hai que instalar as vigas mestras e logo, se cómpre, buscar aliados no Estado porque temos en moitas cousas obxectivos comúns” e interpelou tamén aos asistentes e ás forzas políticas estatais a entender que deben escoller entre “respectar e defender os diferentes suxeitos políticos do Estado ou colaborar na súa extinción”.

Xosé Manuel Beiras quixo rematar a súa intervención, xa no tempo de preguntas do público, resumindo: “hai acordo en irmos a unha república? hai acordo en irmos a unha nova constituínte? hai acordo en consensuar un programa en beneficio da maioría social? hai acordo en respectar o dereito a decidir das nacións do Estado? Daquela, porque non imos cara aí e vemos como, no canto de andar a falar doutras cousas que de nada serven?”.


Fotos: Universidad Complutense de Madrid.