Case un ano despois daquel histórico 9N de 2014, no que gran parte da cidadanía de Catalunya expresou o seu desexo de teren un Estado propio, de decidir colectivamente o seu futuro, o pobo catalán volve a se mobilizar a prol do seu futuro e da súa liberdade plena.

O proceso, encetado moitos anos atrás, chega a este 27S enchido de folgos e vontades, fronte un Estado español que está a amosar, neste caso, a súa faciana máis autoritaria, reaccionaria e antidemocrática. Ao cabo, o fracaso evidente da Constitución do 78. Os constituíntes españois naufragaron na tentativa de resolver o encaixe das nosas cuestións nacionais coa concepción territorial do Estado, que é como se rotula o Título VIII da Constitución de 1978. Precisamente porque a organización territorial é unha cuestión de dereito administrativo e non de dereito político nin de teoría do Estado. Non hai pois un problema territorial, senón político. Tratar de reducir as nacións sen Estado a simples territorios é unha absoluta falacia.

Hoxe, ao igual que hai un ano, estamos diante dun proceso extremadamente democrático e popular. Democrático porque o dereito a decidir, a autodeterminación, é un principio básico e esencial para calquera cidadán ou cidadá do pobos do mundo, un dereito colectivo inalienábel e unha das máximas expresións da democracia. Popular, porque non é froito dun día nin procede, como queren facer ver moitos medios de comunicación e os partidos dinásticos, dun acordo cociñado nunha mesa de partidos ou dun capricho emanado dun pacto entre elites, como si o foi a fraude artellada na Constitución española de 1978. Certo é que moitos partidos e dirixentes políticos pretenderon e seguirán a pretender apropiarse do proceso soberanista catalán, mais ficou unha e mil veces demostrado que é o pobo, a xente, a cidadanía, quen o pariu, quen o mimou e quen o alimentou. Será tamén a xente do común quen decida e dirixa o seu camiño, o da independencia e a soberanía dun pobo que nunca renunciará a ser libre no mundo.

Nin a presión do grande empresariado unionista e centralista catalán, nin os primeiros ministros dos Estados que invaden países e pobos polo mundo adiante, nin a política do medo que a cotío vemos reflectida nos medios de comunicación, serán quen de enganar a un pobo decidido a construír por si mesmo o seu futuro sen interferencias propias ou alleas.

Catalunya, ao igual que Escocia, Grecia, Portugal ou as nacións e pobos que sobrevivimos inseridos no Estado español, formamos parte da “Internacional dos Agredidos” pola Troika e o imperialismo de novo cuño, para o cal, a independencia e a soberanía popular, con ou sen o seu permiso, é un enorme agravio a combater.

Desde Anova-Irmandade Nacionalista queremos manifestar publicamente o noso apoio e solidariedade internacionalista co pobo irmán de Catalunya e o seu proceso de autodeterminación nacional e social, que coidamos non rematará o 27S, senón que simplemente está comezando a andar un camiño nada doado para construír un país novo, onde a cidadanía libre e igual decida constituírse na República Catalá. Porque é a República, non tanto como forma de Estado senón como conxunto de valores, quen mellor pode levarnos cara a ruptura cun Estado español que non entende nada, cara a ruptura cos dictados da UE e a Troika, e cara a un necesario proceso constituínte popular e participativo que antepoña a todo un plan de urxencia social para deter a miseria provocada polas medidas de austeridade e a ditadura dos bancos.

Desde Galiza, cos nosos ritmos e as nosas necesidades, coa nosa historia e co noso respecto á vontade popular, as xentes de Anova apostamos tamén por camiñar cara a un proceso democrático constituínte. Tamén cos eixos postos na democracia e o dereito a decidir, na primacía das necesidades do pobo agredido e, xa que logo, na ruptura democrática cara unha República propia, igual, fraternal e libre, a República Galega. Como din as xentes boas e xenerosas das CUP: "pola independencia para cambialo todo".