Dende Anova-Irmandade Nacionalista, Esquerda Unida e Podemos Galiza enviamos o seguinte comunicado en relación ás conversas e conclusións que levamos desenvolvendo dende hai tempo.

Entre as tres organizacións existen coincidencias importantes á hora de analizar o contexto sociopolítico actual e o camiño a seguir. É por isto que estamos a traballar, como xa o víñamos facendo en moitos espazos políticos e sociais que a nosa xente comparte dende hai tempo, para tratar de chegar a un marco de acordo político dende o que construirmos en común con outros actores. Neste eido, temos o compromiso de facer o noso papel como organizacións políticas, que para nós é o de facilitar a unidade popular entre a cidadanía activa que se rebela e os partidos da esquerda rupturista e de cambio. Só así poderemos darlle a volta ás políticas que levan anos agredindo á cidadanía do común e avanzar co horizonte posto nun cambio de réxime.

Entendemos que no proceso de cara ás eleccións ás Cortes do Estado hai tres piares básicos: as mareas, os partidos da esquerda rupturista e de cambio e as iniciativas cidadás, plataformas e demais axentes. Como partidos políticos que somos, loxicamente tratamos de facer a nosa parte, chegando a puntos en común con outros partidos. Animamos a que todas as partes fagan o mesmo nos seus ámbitos para, despois, tratarmos de construír conxuntamente.

Froito desas conversas estamos a traballar nun preacordo de carácter político, non electoral, por canto entendemos que existen moitos outros actores cos que construír unha alternativa electoral concreta. Porén, cómpre antes chegar a acordos en clave política para definir os obxectivos. Cremos que temos a obriga e a responsabilidade de irmos concretando cuestións, amais de seguir en interlocución constante con todos os axentes, por canto o réxime e a súa maquinaria non esperan.

O dito preacordo está a ser socializado como posíbel punto de partida cos principais actores sociais e políticos que, ao noso entender, poderían construír colectivamente unha alternativa para acadar os anteditos obxectivos. A nosa intención é a de, unha vez feito isto, presentar publicamente os termos do documento político a vindeira semana.

Por último, queremos aclarar que entendemos este preacordo como un novo chanzo na conformación dun espazo amplo, rupturista e plural para o rescate da democracia, ruptura co rexime do 78 e a mudanza das políticas, mais sempre co ollar posto na referencia que constitúen os espazos de confluencia que mudaron o panorama de moitos concellos galegos o pasado 24M.

Galiza, 25 de setembro de 2015