A concelleira da Marea de Vigo, Marga L. Barreiro, que tamén é responsábel nacional de acción feminista de Anova, non acudiu hoxe ao pleno do concello para pecharse co persoal, do que tamén forma parte, do hospital Álvaro Cunqueiro.

Vigo, 28 de setembro de 2015-. O persoal do novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, comeza hoxe un peche para denunciar a privatización dos servizos sanitarios nas instalacións de Beade. Entre outras cousas, como unhas instalacións que consideran deplorábeis e non aptas para o destino que se lle quere dar, denuncian que xa se están a contratar, por medio dunha empresa privada, numerosos traballadores e traballadoras en detrimento das listaxes de contratación públicas. Unha privatización en toda regra.

A concelleira da Marea de Vigo, Marga L. Barreiro, que tamén é traballadora da área sanitaria na cidade, decidiu sumarse ao peche para "loitar coas miñas compañeiras en defensa da sanidade pública". A concelleira  que está obrigada a acudir ao pleno do concello, que se celebra hoxe mesmo, salvo por unha causa xustificada, afirmou "que causa máis xustificada hai que estar con quen loita e se rebela contra o desmantelamento da sanidade pública na cidade. É que hai algo máis importante que tratar hoxe no pleno?".

"Están a mercadear coa saúde de tódolos vigueses e tódalas viguesas, ou reaccionamos ou isto non terá marcha atrás", insistiu a concelleira. Marga puxo unha enchente de exemplos, como o do xa famoso e carísimo aparcadoiro, que demostran que a Xunta non está a construír un novo hospital, senón un novo e gorentoso negocio: "material que no hospital Xeral se esterilizaba agora vai ao lixo. Iso si, repono a concesionaria claro. Viva o negocio a custa da enfermidade da xente".

E é que segundo Marga o preocupante, ou máis ben indignante, non é só a privatización dos servizos, senón a mercantilización á que se somete todo, facendo cálculos de rendibilidade ou custe/beneficio até coa saúde da xente. "A saúde non pode estar sometida ás leis do mercado. Somos persoas, non activos accionariais, iso é o que non quere entender, ou se cadra entende perfectamente, Núñez Feijoó", rematou.