O Coordinador Nacional, Antón Sánchez, analiza os motivos que se albiscan detrás da crise de goberno provocada onte, domingo 4 de outubro, polo presidente da Xunta Núñez Feijóo son ben transparentes. Ceses encubertos e electoralismo.

En primeiro lugar, a cercanía das vindeiras eleccións xerais provocan a necesidade de simular o comezo dunha nova etapa, logo dunha lexislatura que non deixa no balance ningún dato positivo significativo. Para iso, Núñez retira algúns peóns e incorpora outros coa finalidade de aparentar un punto e aparte no seu goberno, malia o novo cesto está feito, como é obvio, cos mesmos vimbios, vellos e frouxos, pois outros non hai.

En segundo lugar, Núñez recoñece o fracaso do seu goberno en dous aspectos cruciais que xeraron gran malestar na sociedade galega. Cesa, literalmente, á xa ex-conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, pola súa nefasta xestión da sáude pública, cuxa expresión máxima foi a masiva manifestación en Vigo en contra do modelo privatizador e da chapuza do Hospital Álvaro Cunqueiro. Non en van, o chamado a substituíla é Jesús Vázquez Almuíña, se cadra o único político do PP da área viguesa –e por extensión da erma área para o PP que supón o Sur do país– que aínda queda sen queimar. Ben, pois onte o presidente Núñez prendeulle lume.

Cesa tamén, de facto, a Rosa Quintana –ex-conselleira de Medio Rural e Mar– que deixa  a carteira sen conseguir resultado positivo ningún no devalo do campo galego durante o seu mandato e provocando, pola súa falta de implicación política na crise do sector lácteo, as maiores mobilizacións dese sector en moito tempo. A renuncia a seguir mesturando Medio Rural e Mar é o recoñecemento doutro erro de Núñez Feijóo. A unión destas dúas grandes áreas nunha mesma Consellería foi unha de tantas medidas inútiles de suposta austeridade, tan cacarexadas polo inquilino de Monte Pío, que rematan desembocando en malgasto e ineficacia.

A recolocación de Beatriz Mato na Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, despois do seu paso por Traballo e Benestar deixando uns datos pésimos, tanto no que ten que ver co emprego como co benestar, é especialmente indignante dados os vínculos desta persoa coa Operación Z a través dun Director Xeral da Consellería.

No que respecta á encomenda da nova Consellería de Política Social, que agora vai levar o fracasado nas últimas eleccións municipais José Manuel Rey Varela, só pode ser considerada como unha ferramenta de propaganda electoral do novo gobernó Núñez en período preelectoral; máis aínda cando é coñecido que Rey Varela será o responsábel de campaña electoral do PPdG para o 20 de decembro. Dos dous novos cargos de rey Varela só se pode desprender esta conclusión.

Por último, o incremento de consellerías non fai máis que evidenciar que a demagoxia arredor do aforro na administración pública coa que Núñez feijoó comezou a lexislatura ten as pernas moi curtas.

En suma, estamos ante a tentativa de recolocar os mobles dunha casa que se esmendrella a cachos. Un tratamento de chapa e pintura no que o rei sacrifica varios peóns para tentar, inutilmente, ocultar que está completamente nu.

  Foto: La Voz de Galicia.