Anova esixe a absolución de Aarom, Atanes e Mario, para os que piden até 9 anos de cadea por exercer a lexítima protesta contra os recortes no ensino público, e pide á USC e á Xunta que defendan o ben común no canto de acosar ao estudantado.

Compostela, 26 de outubro de 2015-. O pasado 23 de outubro de 2014, hai agora un ano, da orde dun cento de estudantes acudiron a protestar contra os recortes na educación pública diante do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, que asistía a inauguración dun evento na Facultade de Matemáticas da USC.

Na dita protesta, que discorreu de xeito pacífico, os estudantes leron un texto, subscrito pola asamblea de estudantes, de crítica á LOMCE e os recortes. Porén, foron, segundo decenas de testemuñas, acosados por “cinco persoas vestidas de paisano, que en ningún intre se identificaron e que comezaron a empurralos e bater neles”.

Días despois, tres dos estudantes da USC participantes na máis que lóxica protesta, Aarom, estudante de Relacións laborais; Mario, estudante de historia e Atanes, estudante de Económicas, eran detidos coma se fosen perigosos terroristas, coas absurdas e desproporcionadas acusacións de “atentado a autoridade”, “lesións” e “desordes públicos”, solicitando a “Xustiza” entre 7 anos e medio e 9 de cadea en total! e multa económica en concepto de indemnización. As vítimas, doutra volta, convertidas en verdugos. A mordaza como forma de goberno.

O réxime emanado da fraudulenta reforma política do franquismo, que é o que hoxe impera coa represión da protesta e dos momentos sociais como sinal de identidade, nunca dubidou en silenciar, perseguir a amedrentar a todos os que puxeran en dúbida a súa lóxica depredadora e inxusta, capitalista e mercantilista, e se organizaran e loitaran contra ela.

Desta volta, temos ante nós a triste nova de que eses tres activistas estudantís, dos que nos deberiamos sentir orgullosos e orgullosas por poñeren a cara por milleiros de estudantes de agora e do mañá, van ser xulgados o vindeiro 10 de novembro. Xulgados por practicaren un exercicio de democracia tan san e tan necesario como facerlle un simple “escrache” pacífico ao presidente da Xunta, cómplice directo do desartellamento do ensino público, que sen dúbida é a cuestión de fondo neste absurdo e indignante caso, pero que nin sequera se vai tratar.

As condenas que lles piden a Aarom, Atanes e Mario son, amais de terribelmente inxustas, absolutamente escandalosas e desproporcionadas. Unha ofensa, senón atentado, á nosa mocidade, á nosa universidade e á democracia e o dereito á libre expresión.

Por iso, nós, dende Anova-Irmandade Nacionalista, republicanos galegos no sentido máis fondo e popular da palabra, defendemos sen dúbida algunha a total absolución para Atanes, Aarom  e Mario e manifestamos, sen ambigüidades, que a mocidade rebelde nas nosas universidades constitúe, para nós, un dos alicerces imprescindíbeis para camiñarmos cara a unha sociedade realmente democrática e xusta.

É máis, esiximos, xa que logo, a total absolución para Atanes, Aarom  e Mario, e tamén instamos tanto ás autoridades da Universidade de Santiago de Compostela como ás da Xunta de Galiza a facer o mesmo, pois é unha das súas máis importantes obrigas a defensa ben común, no canto de fomentar a criminalización da lexítima protesta da nosa mocidade, xa sexa de xeito implícito ou explícito.