Despois das informacións publicadas hoxe nos xornais dixitais praza.gal e eldiario.es sobre o Presidente da Deputación provincial de Ourense, J.M. Baltar Blanco, desde Anova-IN esiximos a súa inmediata dimisión como presidente da dita institución.

Compostela, 27 de outubro de 2015-. A saga dos Baltar leva máis de 30 anos sendo coñecida na provincia de Ourense por múltiples casos de prevaricación e clientelismo que os perpetuaron no poder até o día de hoxe. Probados, xulgados e condenados foron os máis de 100 “enchufes” que deu Baltar pai no último congreso provincial do PP para que o fillo herdase o seu cargo, como así aconteceu. Ademais destes feitos condenados, en numerosas ocasións Baltar Pumar autodefiniuse como o “cacique bo”, recoñecemento o seu modus operandi e actuando con total impunidade diante dunha Xustiza que nunca actuou pese ás obviedades.

Nesta ocasión, a prevaricación de Baltar vese sumamente agravada por un presunto caso de violencia sexual ligada ás relacións de poder, nas que Baltar Jr. aproveitase da súa situación de superioridade, exercendo o máis rancio machismo. Por mor disto, dende Anova-IN condenamos enerxicamente estas actuacións inadmisíbeis e esiximos a quen aínda é presidente da Deputación Provincial que teña cando menos un mínimo de decencia, responsabilidade política e respecto pola institución e a cidadanía toda abandonando de inmediato o cargo público que ostenta. De igual xeito, agardamos que a cidadanía ourensá se mobilice para evitar que continúe no antedito cargo nin un minuto máis.

Asemade, dende un ollar político, fica probada, con gravacións ben clarificadoras que acompañan a información dos anteditos diarios,  a instrumentalización persoal e política da institución en beneficio propio, cuestión esta que non sorprende, pero que nos indigna novamente.

Dende Anova-IN entendemos que non é admisíbel, baixo ningún prisma, que os 92 concellos da provincia de Ourense teñan como xefe provincial a unha persoa que ten un comportamento tan radicalmente rexeitábel coma o do señor Baltar Blanco. Neste sentido, e por hixiene democrática, aconsellamos tamén ao Presidente da Xunta e do PP de Galicia,  Núñez Feijoó, a súa reprobación pública e o seu cese fulminante como presidente do Partido Popular en Ourense. Cada minuto que pase con Baltar como presidente do PP de Ourense será unha acumulación de miseria e indignidade sobre ese partido e os seus responsábeis.

Consecuencia dunha política miserenta

Dende Anova-IN queremos apuntar tamén que o caso de J.M. Baltar Blanco debería levarnos a facer unha reflexión aínda máis fonda, por canto, ao noso entender, nos últimos anos foise sementando á mantenta un contexto social que propicia aínda máis ca antes estes noxentos comportamentos.

A gravidade da situación á que nos levaron as políticas de austeridade do Partido Popular reflíctese moi claramente no comportamento do aínda presidente da Deputación de Ourense, que non dubida en atacar dereitos fundamentais e aproveitarse da desesperación das vítimas da crise-estafa, sabedor da impunidade que lle oferta este escenario de caciquismo e políticas depredadoras en contra da maioría social, amais dun poder xudicial, politizado en moitos aspectos, que deixa bastante que desexar.

Actuacións coma a de Baltar Jr. evidencian, polo tanto, a desprotección e extrema precarización da clase traballadora. Tal é a miseria á que o poder somete á cidadanía, tal é a agresión ás clases traballadoras, que obriga a persoas en condicións de extrema dificultade a recorrer, xa non só a vender a súa forza de traballo, senón a entregarse en condicións de escravitude. É imprescindíbel protexer a dignidade desas persoas e é imprescindible, evidentemente, rachar democraticamente as redes que manteñen en pé este sistema e este réxime corrupto e inhumano.

A antedita desprotección afecta nomeadamente ás mulleres, pois son elas quen recollen os maiores índices de desemprego e pobreza, e quen, amais da desprotección laboral, veñen sufrindo unha ofensiva constante contra os miúdos dereitos acadados durante o período postfranquista, o que as sitúa, xunto con outros colectivos, nunha posición de especial vulnerabilidade. Dende a perspectiva de xénero o comportamento de persoas coma o Presidente da Deputación de Ourense, amais dun abuso de poder, representa perfectamente a enésima vertente do maltrato contra as mulleres exercido polo machismo máis anacrónico e perigoso.

  Foto da portada: Praza