Gladys Afonso, Xosé Manuel Saa, Carlos Lorenzo e Alexandra Fernández serán as primeiras propostas de Anova para a lista de En Marea ao Congreso.

As primarias internas de Anova-IN para escoller as persoas a propor para formar parte na lista de En Marea remataron hoxe ás 12:00 horas cun 63% de participación da militancia.

Galiza, 13 de novembro de 2015-. Pola Coruña a primeira opción a propor por parte de Anova para En Marea será a de Gladys Afonso, que acadou un 54,41% do voto nesa circunscrición, seguida por Xosé Constenla (38,24%) e Jorge Caeiro (7,35%).

Polo que respecta a Lugo a proposta de Anova será Xosé Manuel Saa, que acadou todo o voto, pois non había máis candidatos/as.

En Ourense a primeira proposta de Anova será a de Carlos Lorenzo, que obtivo un 60,53% do voto fronte o 39,47% de Bernardo García, que será polo tanto a segunda opción nesa circunscrición.

No referente á circunscrición de Pontevedra a primeira persoa a propor por Anova será Alexandra Fernández, que acadou o 67,40% dos votos, seguida por David Carballal (23,81%) e José Gómez (8,79%).

Por último, Pilar Barros, cun 74,90% do voto, será a proposta para o Senado na circunscrición de Ourense, seguida de Carlos Enrique Pereira (25,10%).

Queremos recalcar que estas persoas serán as propostas de Anova para o proxecto común En Marea, polo que non se poden considerar aínda candidatas ou candidatos ás Cortes e ao Senado do Estado.