O espazo de confluencia está creado. E medra cada día. Porén, cómpre melloralo no fondo e nas formas, seguir incluíndo actores, implementar canles de participación e continuar desenvolvendo o proxecto político. Ao cabo, procurar a hexemonía.

Anova-Irmandade Nacionalista reunirá a súa Coordinadora Nacional o vindeiro sábado, día 26, para facer unha análise das eleccións ás Cortes e trazar liñas de futuro.

Compostela, 23 de decembro de 2015-. Reunida hoxe en Compostela, e a falta dunha análise máis pormenorizada da Coordinadora Nacional, a Comisión Permanente de Anova quere enviar os seus máis agarimosos parabéns aos milleiros de persoas que puxeron o seu empeño, xa sexa co seu traballo desinteresado, co seu apoio ou co seu voto, para facer de En Marea a alternativa política do país nas pasadas eleccións ás Cortes do Estado.

En Marea, que foi constituída como un amplo e plural espazo de cambio político e ruptura democrática, aínda en construción, superou todas as expectativas con máis de 400 mil sufraxios e o 25% do voto emitido. Un de cada catro galegos e galegas votaron por esta opción, pola emancipación social e nacional do pobo galego. Unha vez máis a resposta da cidadanía desbordou mesmo os cálculos máis optimistas. Nin a cidadanía está adormecida nin as alianzas son un tema menor; o proceso de acumulación de forzas continúa multiplicándose.

Amais disto, o elevado volume de apoio popular fixo que En Marea cumpra tódolos requisitos para que os seis deputados e deputadas poidan conformar o primeiro grupo parlamentario galego da historia, un feito electoral sen precedentes e unha ferramenta que vai ser indispensábel para que participemos de xeito protagónico no proceso de creba do réxime e de instauración dun novo tempo político. A obtención de dous postos no Senado constitúe, así mesmo, un salto cualitativo fabuloso para a presenza nas Cortes do noso país.

Dende Anova, queremos tamén saudar de xeito fraternal as organizacións políticas, as sociais, as mareas municipalistas e a cidadanía non organizada que participou no proceso. En todas elas se alicerzou En Marea. Nun tempo moi curto, todos fomos quen de salvar diferenzas, chegar a acordos políticos a prol da maioría social e crear mecanismos de traballo para sacar adiante unha campaña electoral nada doada. O mesmo saúdo facemos extensivo a outras opcións políticas enmarcadas na esquerda rupturista que noutras nacións do Estado tiveron grandísimos resultados tamén alicerzados en procesos amplos de unidade popular. Existe unha onda de cambio imparábel que, efectivamente, xa está a mudalo todo para que nada siga igual.

A partir de agora, no eido puramente técnico, queda un arduo traballo encamiñado a xestionar o traballo político ao redor das actas logradas no Congreso e no Senado, para o que, como reza o acordo político que orixinou En Marea, se constituirán as estruturas orgánicas e de coordinación necesarias para dar continuidade ao proceso de construción do suxeito político galego e garantir mecanismos de participación cidadá e rendición de contas dos cargos electos. Estas estruturas, que contarán entre outras cunha Mesa Coordinadora con 12 membros, deseñarán o artellamento do grupo parlamentar, que segundo o acordo político terá como portavoz no primeiro período de sesións a unha deputada de Anova, e determinará a adscrición parlamentaria do senador e da senadora.

Anova entende En Marea como un novo chanzo do proceso de acumulación de forzas e unidade no que esta organización se implicou activa e xenerosamente desde hai máis de tres anos. É, como xa dixemos antes das eleccións, a porta aberta a un novo tempo de profundización na unidade máis alá de vellas identidades e fronteiras políticas. É un camiñar colectivo cara a un tempo novo, cara a unha nova política, cara a unha nación nova.

O espazo de confluencia está creado. E medra cada día. Porén, cómpre melloralo no fondo e nas formas, seguir incluíndo actores, implementar canles de participación e continuar desenvolvendo o proxecto político. Ao cabo, procurar a hexemonía.

Próxima parada, o goberno da nación.