Beiras: “O PSOE ten que saír da súa indefinición e dicir claramente se acepta o noso ofrecemento para formar un goberno en favor da maioría social”

Compostela, 22 de xaneiro de 2016-. O portavoz nacional de Anova-IN, Xosé Manuel Beiras e o Secretario Xeral de Podemos, Pablo Iglesias, mantiveron, horas antes da xuntanza dos portavoces do Grupo Parlamentar de Podemos-En Comú-En Marea co Rei, unha serie de discretas conversas nas que concordaron transmitirlle ao monarca que as forzas políticas rupturistas estamos dispostas a facilitar un goberno de progreso e cambio, encabezado polo PSOE, que expulse ao Partido Popular e as súas políticas antisociais do goberno do Estado. No entanto, a dita disposición non é de balde, senón que estará supeditada á configuración dun goberno estábel que manteña a proporcionalidade emanada das urnas o 20D e que camiñe cara a unha mudanza real de políticas a prol da maioría social. “Os recortes, a austeridade e a negación da realidade plurinacional do Estado non caben neste ofrecemento de ningún xeito”, indica Xosé Manuel Beiras.

Como xa apuntara en días previos o portavoz de Anova, o PSOE ten que saír dunha vez por todas da súa indefinición e coller a luva que lle tenden as forzas do cambio, concretada de xeito nidio trala xuntanza de hoxe co Monarca, apostando realmente por comezar cunha batería de leis derrogatorias que tomben de vez as que son máis agresivas coa cidadanía, como a lei mordaza, a LOMCE, o artigo 135 ou a reforma laboral, e que, a todas luces, son anticonstitucionais.

Para Xosé Manuel Beiras, é o PSOE quen ten agora na súa man ben a decisión de recuperar a súa esquecida tradición republicana, federalista e socialdemócrata, acolléndose ao ofrecemento valente e responsábel das forzas rupturistas, ou ben seguir ancorado, por acción ou omisión, na vía ultraliberal e contraria aos intereses da maioría social que representou o PP e a UE nos últimos anos. Neste sentido, o portavoz de Anova, quere interpelar directamente ao Secretario Xeral do PSOE, Pedro Sánchez, a que se defina tanto ideolóxica como socialmente, para ter ben claro se opta por aliñarse cos lobbies financeiros e a austeridade ou coa democracia plena e a xente do común.