Unha delegación de Anova-IN estivo hoxe, Sábado 5, en Donosti no acto que se celebrou no Velódromo de Anoeta ás 17:30h. Os membros da Comisión Permanente Tania Bouzo e Dani Conde estiveron coas demais delegacións internacionais en representación da organización.

Otegi é un dos líderes históricos da esquerda abertzale e un símbolo que transcende os marcos do activismo e do espazo social e político abertzale, por varios motivos:

1) A súa situación de anomalía xurídico-procesal durante este tempo exemplifica o réxime de excepcionalidade que aínda mantén o estado español respecto da "cuestión vasca" cando xa pasaron anos desde que ETA decretara (e se comprometera ante a sociedade vasca e a comunidade internacional) a fin da “loita armada”. Esta situación é ben coñecida internacionalmente, sendo a figura máis visible e recoñecida da permanencia de presos políticos nos penais do estado español. Houbo, como é público, múltiples campañas de adhesión e solidariedade a nivel público e internacional, mesmo con figuras de primeiro nivel pedindo a súa posta en liberdade, por ser esta radicalmente inxusta e arbitraria.

2) O seu papel foi determinante, e recoñecido a varias bandas, nos traballos previos e conversas que, durante anos, deron posteriormente lugar ao “proceso de paz” (negado polo estado español, mais recoñecido polos facilitadores internacionais e membros das negociacións doutros partidos e axentes dese proceso, como Elkarri) e faino, en si mesmo, un actor principal, central, de compromiso pola paz e o proceso inconcluso de normalización política que se vive en Euskal Herria. É unha das figuras clave e que máis arriscou no camiño, sen retorno, da fin da violencia.

3) A súa traxectoria política e de compromiso militante e co pobo traballador convérteo, xunto a milleiros de mulleres e homes vascas, nun axente político imprescindible na construción futura dunha nación vasca máis libre e xusta.

Desde Anova-Irmandade Nacionalista saudamos por tanto a súa posta en liberdade e solidarizámonos coas presas e presos políticos, desexando que continúe o proceso de normalización política por canles exclusivamente pacíficas e democráticas, presididas polo diálogo e o acordo.