Anova-IN, reafirmándose nos seus principios republicanos, laicos e de defensa da igualdade, a liberdade, a fraternidade e a convivencia pacífica entre os pobos e as nacións do mundo, fai constar a súa máis enérxica repulsa polo acontecido hoxe, 22 de Marzo de 2016, en Bruxelas, principal sede das institucións da Unión Europea.

A violencia, o fanatismo e o fascismo de vello e novo cuño, constitúen unha maquinaria abominábel de produción das peores respostas por parte dos seres humanos. Os terríbeis feitos acontecidos hoxe, ao igual que os que se producen acotío en Bagdad, Homs, Raqqa, Ankara, Rojava, Kabul, Trípoli, ou noutros lugares como París, Londres, Nova York e Madrid, non fan máis que constatar que vivimos mergullados en tempos ben duros, inxustos e moi perigosos para os cidadáns e cidadás do común.

A Unión Europea é un espazo xeográfico, político, institucional e económico que vive instalado nunha grave crise civilizatoria, ética e de identidade: o modelo neoliberal e austeritario que non deixa de producir desigualdades e que está a derrubar as democracias que coñecemos até o de agora; o falso modelo de integración de comunidades raciais e relixiosas; a obrigada submisión ás políticas expansionistas e belicistas atlantistas; a infame xestión da crise dos refuxiados que foxen dos países en guerras coadxuvadas por gobernos occidentais; o auxe da estrema dereita en formas variadas ou estas cadeas de atentados indiscriminados e masivos configuran un panorama desolador, unha realidade distópica que non fai máis que medrar na súa forma máis espantosa. E que non se detén.

Todo indica que esta situación de guerra sen fronteiras, de contenda global, non pode, nin por asomo, atallarse con máis control e espionaxe gobernamental, nin co incremento das intervencións militares, nin co xogo falaz das condenas ou das manipulacións mediáticas de diferente signo. A quimera da Europa fortaleza, visualizada coma nunca estes meses ao redor do campo de concentración da illa de Lesbos e o infame acordo UE-Turquía para a expulsión de quen máis sofren os efectos das súas políticas depredadoras e inhumanas, non abonda para illarnos dos atroces efectos do caos humanitario provocado dende hai décadas en Oriente Medio e noutras partes do planeta.

Detestamos o acontecido hoxe no corazón da Unión Europea: o fanatismo e a desesperación que levan á vinganza. O integrismo é unha arma contra todo ensaio de autodeterminación real dos pobos árabes e nomeadamente contra os movementos panárabes socialistas e laicos. É un proxecto opresor, non liberador, que tamén toma diferentes formas tanto en Europa como alén do Cáucaso ou ao sur de Xibraltar.

A extrema dereita e o capitalismo radical, que non habitan só no partido de Le Pen ou noutros que hoxe proliferan, precisan do integrismo e o integrismo precisa destes para impoñeren proxectos non tan distantes, proxectos totalitarios e teocráticos, integristas e opresores. En todos os casos, o pobo e a cidadanía do común son a principal vítima. A construción dun inimigo demoníaco, que pode estar en todos os lados, é para o poder un excelente mecanismo de dominio e control sobre as cidadanías e os súbditos de todo o mundo. A paranoia colectiva como arma de dominio. As chamadas ás expulsións da inmigración e outras derivas xenófobas e fascistas son ferramentas para afianzar un edificio de explotación, de dominio, de opresión e de derrota. Aquí non hai unha guerra entre civilizacións, nin sequera entre relixións; hai proxectos de dominación e de sometemento que se retroalimentan e se esixen mutuamente. Golpean en Bélxica, en Siria, no Chad ou no Iraq. De múltiples maneiras.

Por esas mesmas razóns, e por outras máis de pura humanidade, non esquecemos que no mundo, día a día, minuto a minuto, centos de milleiros de homes, mulleres, nenos e nenas sofren cunha crueldade sen límites as múltiples formas de violencia ás que hoxe nos opoñemos con total rotundidade.