Proposta de resolución aprobada na Conferencia Política Nacional de Anova o 10 de abril de 2016.

Anova-IN reunida hoxe, día 10 de abril de 2016 na cidade da Coruña, na Conferencia Política Nacional que supón a culminación do proceso de asambleas locais deliberativas abertas (Xeiras), resolveu que no camiño que se abre de cara ás eleccións nacionais galegas mantén, de maneira rotunda, a súa aposta estratéxica a prol da confluencia. Desde a súa constitución, alá en xullo de 2012, Anova apostou decididamente por encetar o camiño da mestizaxe e da articulación de espazos de unidade popular. A evolución que deu lugar ao arquipélago de suxeitos políticos municipais e á constitución das candidaturas de unidade popular foi claramente exitoso desde aquel entón e supuxo un cualitativo salto adiante no que Anova participou acompañando a outros partidos e actores da cidadanía máis activa e consciente do país.

As eleccións ás Cortes españolas en decembro de 2015 certificaron a validez e acerto dos posicionamentos defendidos desde o noso nacemento: máis de 410.000 galegas e galegos deron respaldo a esta fase acumulativa e en construción permanente. O procedemento colectivo que agora está xa lanzado de novo é un enriquecemento de todo o traballo feito nestes últimos anos. Polo tanto, desde Anova, saudamos e instamos a que todos os activos e contixentes humanos continúen traballando e inseríndose, con xenerosidade, en todos aqueles procesos abertos hoxe de cara ás eleccións ao Parlamento de Galiza, como son arestora:

  • Mareas en Común
  • Rede municipal de Ourense
  • “Intermareais” que están xurdindo en diferentes puntos do país
  • Etc.

Anova entende que todos estes procesos e todos os axentes deben participar fraternalmente e en pé de igualdade. Quen verdadeiramente artella e valida este camiño é a cidadanía que, a título individual, constrúe en plano de igualdade –sen distinción de militancias– o verdadeiro suxeito, que é o pobo. Ao fin e ao cabo, como dixo Ada Colau, todas somos xente. Esta construción deberá recoñecer os dereitos colectivos da nosa nación e, polo tanto tamén, o dereito a decidilo todo.

Anova e En Marea. Algúns apuntamentos para o debate e a reflexión en común. Podes baixar o documento completo aprobado na Conferencia Nacional coas emendas xa incluídas.