A organización fará unha consulta interna a vindeira semana sobre a fórmula xurídica de ‘En Marea’ e as persoas de Anova a integrar nas listas nas novas eleccións.

En Marea e o 15M

Anova-IN fai un chamamento para que a cidadanía consciente acuda á Asemblea de ‘En Marea’ convocada para o vindeiro 15 de maio no Auditorio de Galiza de Compostela, co obxectivo de emprender unha apertura e democratización dese espazo político desde a participación directa, cidadá, desde abaixo, para así combater con máis eficacia as nefastas políticas do Partido Popular no Estado e en Galiza.

Para salvagardar o espazo de confluencia, e debido á cuestión burocrática de que o prazo de inscrición de coalicións remata o día 13 de maio, Anova-IN vese na obriga de asinar preventivamente a coalición ‘En Marea’ antes de consultar a decisión sobre a fórmula xurídica ás súas bases. Malia isto, lembra que aínda queda prazo até o día 23 para poder escoller outra fórmula.

Anova-IN priorizou sempre a Unidade Popular e os espazos de confluencia, sendo ‘En Marea’ un proxecto de continuidade co que se sente comprometida, mais entende que este debe ser democratizado e aberto a cidadanía galega, pois ese foi o compromiso adquirido o 20D.

É por isto que Anova-IN terá moi en conta o sentir da Asemblea do 15M de ’En Marea’ para adoptar unha decisión definitiva neste eido.

En última instancia a decisión definitiva sobre a fórmula xurídica será tamén aprobada en consulta a vindeira semana pola militancia de Anova-IN.

Novas primarias internas

Por outra banda, a Comisión Permanente de Anova, delegada pola Coordinadora Nacional e en coherencia cos postulados de democracia interna que rexen na organización, convocará para a semana vindeira un novo proceso de primarias para dilucidar os candidatos e candidatas a se integraren nas listas electorais de ‘En Marea’ para as eleccións ás Cortes do Estado do 26X.

Neste eido concreto, os consensos internos de Anova, nos que imperan a democracia a irmandade e a igualdade, obrigan a facilitar que calquera militante poida optar a formar parte das diferentes convocatorias electorais. Dado que o vindeiro 26X, por mor de que a pasada lexislatura abortou prematuramente, nos enfrontamos a un proceso ‘ex novo’, no que se poden –e de feito así está a acontecer– mudar as candidaturas e as listas, Anova convocará doutra volta unha consulta interna con carácter vinculante.