A fórmula do partido instrumental sería a preferida por Anova para concorrer ás eleccións ás Cortes.

Compostela, 20 de maio de 2016-. A militancia de Anova-IN rematou de votar hoxe ás 18:00h sobre a concorrencia da organización ás eleccións ás Cortes. A participación, do 68%, foi a máis elevada das consultas telemáticas realizadas até agora pola organización.

Os resultados da primeira das preguntas –Que fórmula xurídica consideras que sería a máis acaída para garantir os obxectivos políticos de En Marea de cara ao 26X?– foron os seguintes: Coalición (14,50%); Partido Instrumental (79,90%); Abstencións (5,60%), co que a militancia corroborou en referendo o xa decidido na Conferencia Política da Coruña.

Os resultados da segunda das preguntas –Pensas que Anova debe participar nos comicios ás Cortes Españolas en En Marea independentemente da fórmula xurídica expresada por nós, salvagardando o espazo de unidade popular?– foron os seguintes: SI (75,57%); NON (15,78%), Abstencións (8,65%).

Deste xeito, e por mandato da militancia de Anova-IN, o resultado será comunicado á Mesa de Coordinación de En Marea para seguir co vieiro marcado cara ás eleccións ás Cortes do Estado do 26X.