A Coordinadora Nacional de Anova-IN reuniuse hoxe sábado, 28 de maio de 2016, en Teo aprobando a seguinte resolución:

Anova-IN fai un chamamento para que a cidadanía galega consciente se auto-organice o máis axiña posíbel en asembleas territoriais de En Marea, en ámbitos manexábeis e operativos como os comarcais, por todo o país, recollendo así o acordo da Mesa Coordinadora de En Marea. O obxectivo é emprender dende abaixo o camiño cara á mudanza política nos gobernos que nos afectan, como o do Estado, o vindeiro 26 de xuño, e o galego no vindeiro outono. Mais sobre todo, sentar as bases dos futuros gobernos da esquerda social.

Anova entende que existiu un nidio e maioritario sentir colectivo na Asemblea Xeral de En Marea, celebrada o pasado 15 de maio, expresado tanto nas conclusións expostas polos grupos de traballo como nas numerosas intervencións no plenario, que fai especial referencia á democratización e territorialización de En Marea, para facer desta confluencia un ente participativo, moito máis plural, no que funcione a democracia de base e o asemblearismo no sentido estrito. Unha ferramenta de e para a xente. Unha unidade popular real.

A tal efecto, Anova anima a tódalas forzas políticas da esquerda rupturista, ás plataformas de loita cívica, ás asociacións de toda caste e en xeral a todo o corpo social que acredite no combate democrático orientado ao cambio radical das políticas que nos esganan, a dar un paso adiante para mudalo todo, para que nada siga igual.