Unha delegación de Anova encabezada por Xosé Manuel Beiras, Alexandra Fernández, Antón Sánchez, Esther Duro e Raúl Asegurado acudiu esta tarde a Madrid a unha xunta de todas as confluencias de análise dos resultados eleitorais.

Madrid, 1 de xullo de 2016-. Unha delegación de Anova formada polo Voceiro Nacional, Xosé Manuel Beiras; a deputada en Cortes, Alexandra Fernández; o Coordinador Nacional, Antón Sánchez; a Secretaria de Organización, Esther Duro e o Responsábel de Relacións Políticas, Raúl Asegurado, acudiu esta tarde a Madrid a unha xunta de delegacións das confluencias que tivo lugar na sede de Podemos.

Á saída da xunta e interpelado polos xornalistas, Xosé Manuel Beiras afirmou que “houbo unha achega de cada un dos grupos. A diagnose no fundamental ten coincidencia en cais poden ser as causas do desenlace do 26-X, tanto no que atinxe ás variábeis exóxenas pero tamén na análise dos fallos que consideramos que tamén houbo”. Explicou que se van recoller nun informe que se vai elaborar de seguido.

Neste eido, insistiu na necesidade de reforzar a coordinación e a intercomunicación. E engadiu que “consideráse que se rematou unha fase do proceso” e que é preciso avanzar e abordar unha nova etapa. A preguntas dos xornalistas sobre os resultados na Galiza, Beiras sinalou que expuxo a opinión provisional de Anova e a avaliación dos “resultados é agridoce. Considerábamos que esta nova convocatoria debería ser utilizada por En Marea para dar un salto adiante, e iso non sucedeu, pero de todos os xeitos segue a estar nunha gran posición”.

Fundamental: a ampliación de En Marea

“Por outra parte, se trasladásemos os resultados destas elecións en Galiza ás elecións galegas, hai que dicer que o PP non gobernaría. E finalmente isto foi un episodio pero o importante é como avanzamos, a ampliación de En Marea, a captación para o proxecto de En Marea de continxencias de cidadanía nacionalista de esquerdas que foi deixando o BNG, a grande organización nacionalista, e que non conseguimos que se sumase a En Marea, e isto hai que amplialo. E se somos intelixentes, e o facemos ben, podemos ser a alternativa que remate en Galiza con Frijol, como lle chamo eu”

Xosé Manuel Beiras sinalou que unha das chaves está en que actuamos de xeito que a cidadanía que nos apoiou, a impresión que lle demos foi que estaba sementado e que a nova colleita ía vir coa gracia de deus. Polo tanto, non houbo unha estratexia e unha metodoloxía segundo a cal non podemos dar por feito os resultados porque temos un inimigo moi poderoso e moi bestial, absolutamente desalmado, e representa un réxime que a Troika non esta disposta a renunciar”.

En Galiza fomos os primeiros

En canto á fórmula IU-Podemos, Beiras lembrou que “hai que facer memoria, o que se fixo a nivel de Estado entre IU e Podemos, fixémolo en Galiza xa no 2012 entre Anova e EU”, en clara alusión a AGE. Demos a sorpresa de saltar ao 15% dos votos e con 9 deputados. Logo repetimos con Lidia Senra no Parlamento Europeo e despois foron as mareas municipalistas, nas que estábamos parte da cidadanía como protagonista fundamental, e integrados Anova e EU sen pretender capitalizar nada. Para as elecións do 20D En Marea integraba todo isto”.

Eleccións galegas

A preguntas sobre se se tratarían as vindeiras eleccións galegas, Beiras quixo deixar claro que "Galiza é unha nación dentro do Estado español pero é un país distinto. Aquí non se vai decidir o que se vai facer en Galiza".