Anova lamenta profundamente o pasamento dun home, Fernando Acuña Castroviejo, que fixo da ciencia unha relixión; da defensa dos persoas máis desfavorecidas, unha angueira; e de Galiza, a súa paixón. O Portavoz Nacional, Xosé Manuel Beiras, acudiu hoxe para presentar os seus respectos ao funeral en San Andrés de Trobe (Vedra).

Fernando Acuña Castroviejo naceu en Santiago en 1945 e licenciouse en Filosofía e Letras (Historia) en 1968 pola USC, universidade da que era catedrático de Arqueoloxía dende o ano 1987. Polas súas aulas da facultade de historia pasaron un gran número de estudantes que lembran con agarimo a paixón que puña nas súas explicacións. Dirixiu numerosas teses de licenciatura e de doutoramento e diferentes proxectos de investigación sobre a ocupación castrexa e a plástica galaico-romana.

Como investigador de campo realizou numerosas escavacións en mámoas, como a do Montouto (Teo) no ano 1968, que efectuou cos seus compañeiros Carlos García Martínez e Manuel González Reboredo; en castros galegos e portugueses ou noutros xacementos medievais como as Torres do Oeste, en Catoira, e o da Rocha Forte, en Santiago. Os paseos polo monte co fin de descubrir pedras que falasen, como o petróglifo do Monto do Río Angueira en Luou (Teo), que atopou no ano 1969, eran unha das súas principais afeccións. Sobre todos estes descubrimentos e sobre moitos outros fixo un número próximo ó cento de traballos e publicacións.

A súa faceta de divulgador cultural foi moi visible nas colaboracións en obras colectivas, en conferencias e conversas nos máis distantes recunchos do país e no seu labor de guieiro de traballos de difusión e conservación do patrimonio cando así era requirido por particulares ou asociacións sen ánimo de lucro. Foi cofundador do Museo do Pobo Galego, entidade na que depositou os restos achados nas súas numerosas escavacións.

Como nacionalista e home de esquerdas formou parte do grupo de profesorado universitario que pulou pola presentación de candidaturas nacionalistas ó reitorado da Universidade de Santiago, como as que no seu momento encabezaron os profesores Beiras, Masa, que non obtiveron éxito, ou Villares, que chegou á reitoría.

A disposición de Fernando Acuña a colaborar con calquera causa que considerase xusta convertérono nun referente universitario ó que se acudía en calquera circunstancia. Por estraña que esta fóra, el sempre estaba disposto. Unha das fotos máis emblemáticas da súa figura esta feita na páxina de Praterías no longo conflito contra a LOU. Pedíranlle que dese unha aula na rúa e alí estaba el, coa fonte dos cabalos ás costas e centos de estudantes observándoo dende as escaleiras.