Compostela, 31 de marzo de 2017-. Anova-Irmandade Nacionalista quere manifestar que repudia sen miramentos a condena a un ano de cadea e sete de inhabilitación absoluta á moza Cassandra Vera por chancear nunha rede social sobre a morte do almirante fascista Carrero Blanco hai 43 anos, máis do dobre dos que ten Cassandra nestes intres. O veredicto do tribunal é, con seguridade, un dos maiores atentados á liberdade de expresión das últimas décadas no Estado español e nos retrotrae aos tempos nos que Atila sementou as cunetas con barbarie.

A sentenza da Audiencia Nacional, que doutra volta parece actuar como lexítima herdeira do Tribunal de Orde Pública ao abeiro dunha lexislación obscenamente represora, conforma, ao noso xuízo, unha perigosa e insólita ofensa á democracia, á liberdade de expresión, ás vítimas dese réxime franquista que aínda non fomos quen de desterrar e, por extensión, a tódalas persoas que viviron e viven baixo o xugo e as frechas do terror en calquera curruncho do mundo.

Considerar eses chíos en Twitter como “enaltecemento do terrorismo” ou “ofensa ás vítimas” constitúe, asemade, unha visión perversa, represora e profundamente reaccionaria da nosa memoria colectiva. A morte de Carrero Blanco non foi un acto terrorista no contexto histórico no que se produciu e, por suposto, o almirante fascista non foi unha vítima, senón un verdugo. Para Anova-IN, paradoxalmente, é a propia sentenza a que merecería os cualificativos de “enaltecemento do terrorismo” e “ofensa ás vítimas”, e non os chistes de Cassandra.

Estamos a vivir unha insultante involución das nosas liberdades que, agochada baixo ese revirado “imperio da lei” que acotío esgrimen dende os aparatos ideolóxicos do Estado, evidencia a permanencia do totalitarismo franquista nos sumidoiros máis escuros das mentes gobernantes. Como ben afirmou Xosé Manuel Beiras, "vivimos no franquismo sen Franco". Non temos dúbida de que con este veredicto, o réxime emanado da segunda restauración borbónica e amparado pola fraude da Transición vén de sacar de enriba unha vez máis o seu disfrace para lembrarnos que a máxima aspiración de calquera demócrata no Estado español ten que pasar pola ruptura democrática baixo os valores republicanos. Ese é o horizonte no que nos reafirmamos.

Por último, Anova-IN quere solidarizarse de xeito especial con Cassandra Vera, unha moza que ve perigar o seu futuro polos convencementos parafascistas de quen dominan o poder lexislativo do Estado. Enviámoslle dende a terra das galegas e dos galegos tódolos nosos azos e agarimos, e manifestamos que estaremos á súa disposición para todo no que poidamos axudar.