O Primeiro de Maio é Chicago, a loita por mellorar as indignas condicións da explotación, as bandeiras vermellas, a represión. Catro pinceladas que encadran a loita do proletariado pola súa emancipación desde que empeza a adquirir conciencia de si como clase. Desde aquel día de 1886 ata hoxe mesmo, máis dun século de loitas, conquistas, dereitos e melloras nas condicións de vida e de traballo. A celebración non vén sendo senón a memoria renovada dese impulso emancipatorio irrefreable mesmo nos momentos máis duros, como sucedeu no Estado español cando a ditadura franquista. Non esquezamos que Galiza foi vangarda da loita obreira en momentos de enorme represión coas masivas mobilizacións dos anos 70 en Vigo e en Ferrol, cando as forzas franquistas asasinaron os traballadores do naval Daniel Niebla e a Amador Rey, hai agora 45 anos. 

1MAIO2017b

Os dereitos laborais non foron un agasallo, custaron décadas de loita con perda de vidas de traballadoras e de traballadores.

Este 1º de Maio, a clase traballadora internacional volve ter a mesma cita coa dignidade. E iso significa lembranza, e tamén mobilización, reivindicación, resistencia na defensa de dereitos inalienables e conquistas irrenunciables e, sobre todo, capacidade de propoñer unha alternativa. A alternativa dun mundo sen explotación, sen sometemento ao lucro, sen suxeición ao salario como resultado da obriga de vender a forza de traballo para sobrevivir. O fío vermello da Historia non está roto, a pesar de que ás veces se revira e aparenta repetir vellos itinerarios.

O Primeiro de Maio está ligado a unha reivindicación moi simple que na altura de 1886 era revolucionaria: oito horas de traballo, oito de sono, oito de lecer. Hoxe, a lexislación asume formalmente aquela conquista. Pero sabemos que a realidade laboral esmagou amplamente esa vella conquista. Neste noso tempo, o sometemento ao traballo asalariado invadiu o territorio do lecer e en non poucas ocasións mesmo o do sono, ocupa a inmensa maioría das horas do día. O límite das oito horas diarias está de facto abolido, como consecuencia, entre outros factores, da precarización e da destrución sistemática de emprego e de dereitos conquistados. Ao mesmo tempo, a revolución tecnolóxica e o desenvolvemento das forzas produtivas non redunda en beneficio social e mellora das condicións de vida do proletariado. Ao contrario, é unha arma violenta de precarización, de exclusión, de incremento desmedido das taxas de ganancia empresarial e por tanto de destrución de conquistas e de dereitos sociais e laborais. A distopía está presente: mentres as máquinas e os avances tecnolóxicos realizan unha importantísima parte do traballo socialmente necesario, aos seres humanos convértennos en máquinas destinadas a producir plusvalía case que de maneira exclusiva. Se ademais ollamos para as marxes, as periferias e os exteriores do Imperio, a distopía convértese nun pesadelo terrorífico.

No estado español foi o bipatidismo o que xogou o papel de monicreque ao servizo dun neoliberalismo financeiro atroz e voraz, aniquilando dereitos laborais e conquistas sociais conforme ás directrices da Troica. En febreiro de 2012, o PP aprobou o real decreto de reforma laboral máis lesivo que se lembre, unha auténtica máquina de destrución de dereitos laborais que pagamos cada día: precarización do traballo, temporalidade, salarios de miseria, condicións indignas e escravizantes, xornadas prolongadas e a aparición dun fenómeno propio de períodos de entreguerras: persoas con traballo pero pobres. Traballadoras e traballadores, con índices de probeza inauditos, que nunca chegan a fin de mes. Esta é a herdanza dun PP inzado de corrupción que debemos combater e desarmar. O noso obxectivo inmediato debe ser a derrogación da reforma laboral.

 

1MAIO2017 MULLER

 

O aumento da desigualdade social está a ser especialmente violento coas mulleres, que sempre vivimos nun mercado laboral desigual. Sufrimos especial precariedade e explotación. As que conseguimos incorporarnos formalmente ao chamado mercado laboral, porque, ás condicións de explotación e precariedade dos compañeiros, temos que engadirlles o sobrecusto que grava a nosa condición de xénero e mais o traballo non retribuído fóra de horas de traballo. As que dedicamos a totalidade da vida, tamén sen fronteira entre traballo, lecer e sono, a traballos non regulados, domésticos, sociais, de coidados, afectivos, comunicativos, etc. porque nin sequera recibimos unha mínima retribución compensatoria nin a consideración de traballadoras. Os recortes do PP foron dobremente daniños para as mulleres. A maior parte dos contratos a xornada parcial son para nosoutras, con salarios aínda máis baixos e a necesidade de cotizar o dobre para unha pensión. Ademais, o desmantelamento da Lei de Dependencia supuxo outro golpe neste complicado mundo laboral. A fenda salarial e laboral aumentou nos anos de crise e coas políticas regresivas do PP.

A mal chamada “crise” non foi mais ca unha escusa propagandística, un acto de resignificación clásico que disfraza o significado profundo desta longa, terminal e radical ofensiva, en todas as frontes e con todas as formas posibles, do Capital contra o Traballo. Coa escusa dunha crise que nós non creamos pero coa que nos cargan, executan a súa revancha histórica. Unha estafa de enorme magnitude concibida desde os centros de poder oligárquicos e financeiros, desde o Estado Maior da burguesía, que diría o vello Marx, e que non coñece fronteiras: en Galicia, en España, en Europa, no sistema mundo. Un espolio que se organiza con toda a impunidade contra os nosos dereitos fundamentais, como unha sanidade e un ensino públicos, por exemplo, e que no Estado español e en Galiza se apoia nun Réxime de Corrupción ilexítimo determinado a apodrentalo todo, sumiso aos designios totalitarios dos que gobernan sen se presentaren nunca ás eleccións.

 

 

O espolio das nosas vidas posúe a fasquía legal dunha compra a prezo de saldo da forza de traballo. En Galiza, sufrimos ademais unha perpetua acumulación primitiva de características coloniais que se ceba nos nosos sectores produtivos e manda homes e mulleres á emigración, ao paro, á pobreza e á exclusión. A condición de Galiza como nación dependente, como colonia dunha colonia, dobremente dependente do Estado español e ao mesmo tempo da UE totalitaria da Troica, é un peso engadido á precarización das nosas vidas. Din que o miserable prezo da nosa forza de traballo vén determinado pola infalible lei do mercado. Pero nós dicimos que esa lei é a lei da oligarquía e constitúe unha ditadura, que a nosa determinación é subvertela mediante a rebelió

n cívica, a creba democrática e un novo proceso constituínte que nos permita organizar as nosas vidas con solidariedade, cooperación e liberdade. Sen explotación.

Ás portas deste Primeiro de Maio, a propaganda dos gobernos galego e español fala en cifras espidas dunha presunta mellora dos índices de desemprego que xa non reconta os milleiros de persoas que foron expulsadas das listaxes de desemprego ou que emprenderon o camiño da emigración, como sucede con meirande parte da nosa mocidade. Pero esas cifras non teñen a capacidade nin o vigor suficientes para ocultar a realidade. O proceso é simple: destrúese emprego, precarízase ao máximo as vidas das persoas co obxectivo de espoliar dereitos, conquistas e condicións de vida minimamente dignas. Hoxe hai menos traballo que hai uns anos, hai moitas máis persoas sen posibilidade de acceder a un salario sequera, hai máis persoas na emigración e na exclusión, pero ademais o traballo que existe está sometido a condicións cada vez máis indignas e máis próximas á escravitude. Aínda que os índices de desemprego caesen ao cero, a situación seguiría sendo insostible. Soldos de miseria, xornadas interminables, condicións infames, precarización, inseguridade, embrutecemento absoluto das nosas vidas. Este é o seu proxecto para nós, o que, coa escusa da crise, están executando. A este respondemos e opoñemos outra sociedade posible.

 

1MAIO2017-maniféstate

 

Hai milleiros de razóns para saír ás rúas, organizarse, loitar nas prazas e nos centros de traballo e na totalidade da fábrica social na que vivimos. Milleiros de razóns para preservarmos conquistas e conquistarmos dereitos roubados. Empezando pola derrogación da reforma laboral máis destrutiva que se lembre e a recuperación dos dereitos espoliados polos mandados do neoliberalismo. Todas as razóns están da nosa parte, da parte da inmensa maioría que sofre o espolio sistematizado, a explotación, a extracción das nosas capacidades produtivas, cooperativas, afectivas, solidarias, humanas, en suma. Por iso anova chama a toda a clase traballadora galega, organizacións civís, sociais e sindicais, a sumar por unha fronte común dirixida a encher as rúas das vilas e cidades dun berro de rebeldía contra o espolio das nosas vidas, que non se detén. Un berro de rebeldía que é ao mesmo tempo unha determinación constituínte.

Por unha marea popular e proletaria. Polo dereito á vida digna, o dereito á liberdade e á felicidade!

Viva o Primeiro de Maio!