Texto completo lido e aprobado na sesión plenaria do Parlamento de Galicia no que solicita o xusto indulto para David Reboredo, ingresado na prisión de A Lama dende o día 5 de decembro de 2012.

O Parlamento de Galicia, institución que representa aos cidadáns e cidadás do noso país, quer manifestar a súa solidariedade con David Reboredo Torea, ingresado na prisión de A Lama dende o día 5 de decembro de 2012 por un delito contra a saúde pública.

David Reboredo, como tantos outros mozos e mozas galegos, caeu na rede da droga sendo inda moi novo. Vinte anos de escuridade, dor e desesperanza tanto para el coma para a súa familia. Foi condenado a inicialmente en 2007 por vender unha papelina de heroína, pero conseguiu que lle suspendesen a sentenza a cambio de participar nun programa de desintoxicación y no reincidir. Sen embargo, sufriu una recaída en 2009 pola que tamén foi condenado, co que finalmente acumulou dúas sentenzas que en total suman sete anos de cadea.

Tras estes duros anos de dependencia, David iniciou o camiño da recuperación persoal, física, psíquica e social e dende hai máis de tres anos está totalmente desintoxicado e reinsertado na sociedade. David está limpo e rehabilitado, tal como o aseguran diversas organizacións: Médicos del Mundo, El Imán, Érguete, Asociación Alborada, Asociación Cristo da Vitoria, entre outras.

Dende a súa reinserción social e ata o seu ingreso en prisión, David ven colaborando en Galiza co centro de axuda a drogodependentes El Imán, achegando a súa historia á mocidade galega para que non cometa os mesmos erros que el cometeu na súa mocidade.

David é hoxe un home socialmente útil, un home implicado na loita contra as drogas e na prevención da dependencia. Un home coa súa vida organizada, cunha relación de parella estable, cuns pais anciáns que dependen da súa axuda, sendo os ollos e o apoio do seu pai, Edmundo, de 82 anos e invidente que ve como a vida do seu fillo volve a estar na corda floxa.

Se o obxectivo da pena de prisión era a reinserción social de David, podemos afirmar que está máis que conseguido, polo que o ingreso actual na cadea deixa de ter significado e sentido.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia declárase a favor de que o Consello de Ministros conceda o indulto para David Reboredo Torea.

Compostela, 12 de marzo de 2013