Xosé Manuel Beiras acusa ao PP de ter "unha visión totalitaria do poder" e de darlle a volta á democracia ao se negar a responder á oposición. Beiras encárase con Feijóo para demandarlle "un pouco de decencia". "Nós solicitamos a dimisión do señor Núñez e veñen eles e queren controlar a oposición no canto de explicar o que se lles pregunta", dixo.


"Somos nós, a oposición, os que estamos solicitando explicacións do presidente da Xunta, somo nós os que solicitamos a súa dimisión pola súa falta de ética e a súa querenza pola mentira e veñen eles, a dereita, darlle a volta á democracia e a esixir a dimisión da oposición".
"Estes individuos teñen unha visión totalitaria do poder", explica o portavoz de AGE, "e lembra o que ocorreu nos anos trinta en Alemaña, no parábel ascenso de Arturo Ui [en referencia á obra do dramaturgo Bertolt Brecht], cando a dereita inventaba desculpas e provocacións para eliminar a esquerda do Parlamento". Para Xosé Manuel Beiras, a teima do PP por inverter o sentido da realidade e das palabras é propia "dunha novela negra, pero de corte surrealista".

Pola tarde, nunha entrevista coa Sexta TV, o Portavoz Nacional de Anova explicou así a razón da súa emoción no pasado pleno, ao que Feijóo aludiu na sesión de onte, 24 de abril de 2013: "Cando estos señores desprecian aos ciudadáns e cando este individuo chega ao Parlamento e con presenza, nos palcos do público, dunhas mulleres heroicas que a finais dos 80, cando Feijóo entablou esa relación co narcotraficante, elas levantaron a bandeira contra o narcotráfico e eu emocioneime".

* Ligazón ao vídeo da sesión do Parlamento: "vostedes teñen unha concepción totalitaria do poder".

* Ligazón á entrevista a Xosé Manuel Beiras na Sexta TV: "parece que o Goberno quere que se chegue a unha situación de caos".