Xosé Manuel Beiras equipara as normas do Goberno de Rajoy cun imaxinario apoio aos gangsters no Chicago dos anos vinte e trinta.
As denominadas participacións preferentes, unha estafa organizada por bancos e caixas e posibilitada pola lasitude ética do neoliberalismo que afecta a 85.000 persoas en Galicia, foron "unha fraude sen control ningún".

Así o expresou Xosé Manuel Beiras, quen se preguntou "onde estaba daquela o Banco de España, cando comezou este crime social na época do que o chorado Sampedro chamaba o aznarato". AGE apoiou cos seus votos unha proposición de lei do BNG para garantir a devolución íntegra do valor nominal das participacións, finalmente respaldada por toda a Cámara.
Beiras denunciou, na argumentación do seu posicionamento favorábel á iniciativa, as "aventuras demenciais en que se embarcaron as caixas de aforros". Puxo un exemplo concreto: Pescanova. "Cando a empresa, dirixida por Fernández Sousa, se arrepuxo ao Goberno de Touriño porque este non permitiu abrir a planta acuícola de Touriñán", relatou, "Pescanova arrincou para Portugal e financiou o seu proxecto fracasado en Mira, en parte, con cartos sacados das preferentes". Mentres, as xentes do común, adoito sen ser informadas de que adquirían, subscribían participacións preferentes. Todo fallaba, mesmo a supervisión. "Dirixía o Banco de España Mafo, ese delincuente", insistiu o portavoz de Alternativa, "ese traidor ao Estado que dirixía o organismo regulador pero traballaba para a banca privada".
Xosé Manuel Beiras rematou cun ataque directo á Xunta de Alberto Núñez Feijóo, á que acusou de ser derradeiro elo "da cadea de mando que sae da Moncloa, ou aínda das pantasma do Pardo". "Imaxinan que no Chicago dos anos vinte e trinta fose o Goberno quen sacase unha lei para presionar aos estafados polos gangsters?", inquiriu, "pois iso é o que fixo o señor de los hilillos co asentimento do PP galego na lei 9/2012".