"O motor da alternativa ao capitalismo está na sociedade civil"

Xosé Manuel Beiras estivo representando a Anova no XX Congreso do POR.

Na mesa redonda "Crisi i perspectives de l'esquerra", o portavoz de Anova insistiu na idea de que a alternativa ao capitalismo se xesta na sociedade civil, na esquerda social, que a esquerda política non debe tratar de dirixir o proceso, "non nos van facer caso ningún". Ter o motor na sociedade civil é a garantía de facer movementos político-sociais que non sexan devorados pola institucionalización.

Amosándose a favor da "liberdade de decisión" do pobo catalán e da realización dunha consulta polo dereito a decidir, o Portavoz Nacional de Anova sinalou que "os procesos de autodeterminación de cada territorio non se poden extrapolar nin exportar"; mentras Galiza é "unha colonia interior", Catalunya é "un protectorado".

Na mesa redonda sobre a crise e as perspectivas da esquerda, Xosé Manuel Beiras expuxo que o acordo plasmado na coalición AGE serviu para romper un tabú, un "acordo transfronteirizo entre o nacionalismo de esquerdas de Anova e a esquerda española que asume o dereito á autodeterminación", desestimando que AGE sexa a Syriza galega e que o mesmo modelo poida ser extrapolábel a Catalunya. Beiras explicou que a coalición AGE xurdiu dunha demanda do propio Beiras polo 25 de xullo pasado, na que demandaba "unha ampla fronte popular plantexada como unidade de acción".