Para o próximo debate do Estado da Nación a maioría do PP pretende impoñer medidas restritivas para impedir que os portavoces poidan expresarse en liberdade e en condicións que permitan comunicar a súa visión sobre aquel.

Consideramos especialmente grave que o PP pretenda impoñer unha censura previa establecendo que sexa a Mesa do Parlamento quen escolla cales son os temas que se tratan e cales non en función da súa discrecionalidade de considerar cales son pertinentes e cales non coa temática de fondo do debate, claro, todo iso a través dun órgano no que o PP ten a maioría tamén. A maiores pretenden que as iniciativas leven unha soa pregunta co que reducen a posibilidade de encadear cuestións sobre o mesmo asunto.

Non lle abonda ao PP con rexeitar sistematicamente na cámara as iniciativas dos grupos da oposición senón que pretende apartar do debate aquelas iniciativas que non lle gusten. Un auténtico atentado á liberdade de expresión especialmente grave tratándose de representantes da vontade cidadán elixidos democraticamente.

Tamén é grave que cada vez máis se limite o tempo de intervención e réplica dos portavoces dos grupos que fica aínda máis limitado, engadindo ao anterior unha verdadeira dificultade física para poder argumentar e expresar correctamente o discurso de cada quen. Pretenden tamén limitar o número de iniciativas que poida presentar cada grupo, coa pretensión de alixeirar o debate, que non agocha máis que seguir apertando máis e máis a mordaza que o PP pretende impoñer ao Parlamento Galego.

Dende ANOVA trasladamos a nosa máis enérxica repulsa pola actitude fascista do PP e non deixa de sorprendernos a intoxicación que se está difundindo dende algunhas instancias respecto de presuntas coincidencias de AGE co Partido Popular nestas cuestións.