Xosé Manuel Beiras denuncia "o histórico retroceso en benestar e autogoberno" ao que conducen os Orzamentos de 2014. Beiras acusa a Feijóo de "endebedar Galiza como nunca ninguén o fixera antes na triste historia da autonomía".

O "camiño cara ao inferno" denunciado polos "economistas máis lúcidos e honestos" e no que afondan "as políticas ultraliberais impostas pola troika" continúa a ser asfaltado polo PP do señor Núñez.

Os Orzamentos para 2014, expuxo esta mañá Xosé Manuel Beiras no debate de Orzamentos no Parlamento de Galicia, non fan máis que contribuír ao "histórico retroceso en benestar e autogoberno" e a "xerar un círculo vicioso depresivo do que só se pode saír cun decidido impulso anticíclico das administracións públicas". Segundo o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, "o falaz argumento austericida da Xunta é nada menos ca unha estratexia premeditada para destruír o sector público na economía e na sociedade". Cun corolario revelador: "Ten a súa lóxica. Converten os bens e os servizos públicos en negocio suculento para os axentes amigos do PP que, en reciprocidade, finánciano ilegalmente en tantos casos agora coñecidos".

Na defensa da emenda de devolución á totalidade das contas redactada por AGE, Beiras criticou o "criminal proceso de privatización, de mercantilización de servizos que a Administración debe prestar" ao que o PP somete Galiza. Ao transformar dereitos básicos de toda a cidadanía que deberan ser sufragados por un fiscalidade progresiva en mercadorías, xusto cando o deterioro das condicións de vida é brutal, a dereita encarnada por Alberto Núñez Feijóo incorre "nun auténtico crime social, que o Goberno da Xunta comete consciente, desaprensiva e, até o de agora, impunemente".

O discurso de Xosé Manuel Beiras apoiouse na devastadora realidade material que se deduce dos datos obxectivos da era Feijóo. Se en 2009, o ano en que o PP regresou a San Caetano, a Xunta xestionaba un orzamento equivalente ao 20,4% do Produto Interior Bruto (PIB), en 2014 será apenas o 14,5%. Hai cinco anos, o Goberno galego xestionaba un de cada cinco euros producidos na Galiza. Agora, pouco máis ca un de cada sete. "Nos catro anos e medio de Goberno Feijóo recuamos quince anos na capacidade de xestionarmos recursos públicos e encollemos nun terzo a nosa capacidade financeira para autogobernármonos", explicou Xosé Manuel Beiras, "e esta si que vai ser unha esmagadora herdanza empezoñada". Este contexto produciu monstros. Por caso, o de que o señor Núñez leva, nos seus anos como presidente, liquidados máis de 120.000 empregos. A aniquilación do tecido industrial –o 25% menos nos anos Feijóo- e o exterminio do agro e da pesca contribuíron a que as cifras pasasen de 162.700 desempregados a 287.400.

O proxecto económico do PP para 2014, extremista e irracional como extremista e irracional é a doutrina neoliberal que o tutela, reduce partidas para promoción pública de emprego. Fai minguar o gasto social –un 16% nos últimos cinco anos-, o gasto en sanidade pública, gratuíta e universal, o gasto en educación. "Resulta indecente a propaganda da Xunta teimando en afirmar falazmente que o gasto social aumenta", afirmou Beiras, para quen o goberno de Núñez "non só segue a desnutrir as funcións sociais para as que existen goberno e administración, senón que manipula os datos para mentir e enganar aos cidadáns". A chave, engadiu o portavoz de AGE, atópase en que a Xunta "camufla o feito cardinal de que gasta cada vez máis en servir aos especuladores poderes financeiros o que debera destinar á cidadanía emprobrecida pola política austericida e inmisericorde da Xunta".

Porque a débeda aumentou co PP de Feijóo na Xunta "como nunca antes o fixo ninguén na triste historia da Autonomía galega". Contra o final de 2014, a débeda acumulada da comunidade autónoma acadrá o 18,3% do PIB. "O endebedamento bruto ascenderá a 2.507 millóns de euros, un 70% sobre 2013, e as amortizacións un 110% -1.750 millóns", asegurou Beiras, "eis a solvencia, eis o 'Galicia cumple', eis o saneamento das finanzas públicas, eis a austeridade". Alternativa Galega de Esquerda (AGE) considera boa parte desta débeda ilexítima. "A débeda debera someterse a rigorosa auditoría", esixiu Xosé Manuel Beiras, "e a partir de aí, detraerse parte dos fondos asignados para incrementar as dotacións de servizos básicos para o benestar dos cidadáns". E aínda que, engadiu, "a lóxica topa coa irracionalidade financeira e social do actual marco normativo" e inviabiliza a proposta de AGE, "explicámola, para explicar a indecencia do PP ao respecto".

Beiras concluíu a súa defensa da emenda no Parlamento de Galicia acusando á Xunta de Núñez Feijóo de presentar "uns Orzamentos da intervención. Vostedes están intervidos pola troika. Da intervención política e económica do Reino de España pola troika ao servizo dos poderes financeiros para a garantía da Banca". Como remate, xa na quenda de réplica, o portavoz de AGE definiu os Orzamentos para 2014 de "reflexo dun país intervido a todos os niveis, dun goberno convertido en correa de transmisión dos ditados da troika e do Goberno do Estado ao servizo dos mercados financeiros". "Estas contas reflicten", finalizou, "os efectos do financiamento do rescate á banca en termos dunha menor capacidade de financiamento dos servizos esenciais aos cidadáns".