O deputado de Alternativa Galega de Esquerda Antón Sánchez García denuncia a complicidade da Xunta con Fenosa e lembra que a compañía posúe o 96% do mercado galego e que a súa posición de dominio lle permite estafar ás e aos clientes.

O abuso continuado ao que Unión Fenosa somete á súa clientela é confirmado por unha sentenza da Audiencia Nacional do pasado 27 de decembro, que asegura que Unión Fenosa Distribución (UFD) "ha cometido un abuso en el mercado conexo de instalaciones eléctricas no reservadas al distribuidor". Esta circunstancia resulta de especial relevancia na Galiza, onde Fenosa controla o 96% do mercado. A sentenza pode lerse aquí.A Consellería de Industria non exerce de "garante dos dereitos das e dos consumidores fronte aos abusos", denunciou Antón Sánchez.

O abuso de posición de dominio exercíase nos procedementos de solicitude de subministro eléctrico, en que hai tarefas que son obriga de UFD como empresa distribuidora, mentres hai outras instalacións que pode facer calquera outro instalador. No citado veredito confírmanse os criterios da Comisión Nacional da Competencia, que instruíu e resolveu o expediente sancionador, ao considerar acreditado que:

1. Nas súas respostas ás peticións de subministración, Unión Fenosa Distribución incluía un orzamento detallado do total da obra, que incluía a parte non reservada ao distribuidor. Tampouco especificaba cales eran os traballos que poderían realizarse por conta propia. A información ofrecíase, ademais, de xeito que podía inducir ao cliente a pensar que o servizo ofrecido para a execución da instalación de extensión era parte do importe regulado normativamente. A linguaxe e a presentación das comunicacións levaba a pensar que non había alternativa a contratar as obras con UFD e non indicaba na contestación ás peticións de subministración ningunha mención á posibilidade de que os traballos puidesen ser realizados por calquera instalador eléctrico.

2. Unión Fenosa Distribución non comunicaba abondo información para que o cliente puidese acudir a outros instaladores en igualdade de condicións, xa que se omitía a información sobre as condicións técnico económicas esixidas polo artigo 103.2 A do Real Decreto 1995/2000, agás que o cliente solicitase expresamente a execución das acometidas de extensión por conta propia.

Unión Fenosa Distribución aproveitouse da súa posición no mercado da distribución para competir no mercado conexo das instalacións non reservadas de xeito privilexiado. Colocou o resto de instaladores nunha posición de desvantaxe. Iso constitúe un abuso de posición de dominio prohibido pola normativa de competencia. A Audiencia Nacional fixa unha sanción económica a Fenosa do 5% do seu volume de ingresos por tales contratos entre o 2004 e o 2010.

A sentenza mesmo reflicte o temor dos instaladores a actuar contra Unión Fenosa por temor a represalias: "La propia denunciante Federación nacional de Empresarios de Instalaciones Eléctricas y Telecomunicaciones de España (FENIE) que agrupa 51 asociaciones de empresarios de instalaciones eléctricas explica en su denuncia la dificultad de obtener documentación (folio 6) " ante el temor de represalias resulta muy difícil para FENIE recopilar la documentación acreditativa del proceder de UFD". (hay que tener en cuenta que UFD subcontrata el negocio a los instaladores".

A magnitude do beneficio acadado pola distribuidora tamén figura no texto da sentenza: "Entre 2004 y 2009 UF atendió 190.426 peticiones de suministro que incluían trabajos de conexión. De ellas,mas de un 60% incluía trabajos de conexión no reservados a la distribuidora. UFD envió presupuesto para la ejecución de la totalidad de las obras de conexión, siendo las no reservadas aceptadas entre el 50 y el 55%de los casos a lo largo del período. Ese porcentaje se eleva hasta el 76% en 2009".

Alternativa Galega de Esquerda denuncia a maiores que a Consellería de Industria "non so non fai nada para evitar estes abusos, senón que é cómplice das actuacións da empresa distribuidora". O parlamentario Antón Sánchez xa fixo públicos informes de técnicos da Xefatura Territorial da Coruña do departamento en que se instaba á dirección xeral a incoar expediente sancionador e a poñer en coñecemento da xustiza irregularidades no Plan Inversor Plurianual. Malia eses informes, a consellería mantivo unha actitude de pasividade, sen atender a que nos informes se falaba de que se obrigaba á empresas, entre elas empresas públicas como Xestur, a sufragar obras de conexión. Estas son obriga do distribuidor e, porén, logo se trasladaban como se fosen obras de Unión Fenosa, todo para se beneficiar de subvencións. Moitas pequenas e medianas empresas do sector e consumidores e consumidoras están a sufrir diariamente unha situación de abusos e chantaxes permitidos pola Administración autónoma.

"Para quen coñece a realidade cotiá das instalacións eléctricas en Galiza", engade o deputado Antón Sánchez, "é o pan de cada día. Xa se asume como normal o incumprimento da lei e os abusos cometidos por quen ostenta o monopolio no mercado eléctrico. Todo acontece coa tolerancia cómplice da Consellería de Industria, que non exerce a función de garante dos dereitos dos consumidores fronte aos abusos de Union Fenosa".