Alternativa Galega de Esquerda insta á Xunta de Galiza a demandar do goberno do Estado a inmediata transposición da Directiva europea sobre contratos de crédito para bens inmobles de uso residencial xa que, aínda que non constitúe a solución definitiva á problemática dos desafiuzamentos, si supón un claro avance respecto da normativa española no tocante a protección e defensa da cidadanía.

A Proposición Non de Lei rexistrada no Parlamento de Galiza pode consultarse aquí.

O Parlamento Europeo e a Comisión Europea veñen de dar a aprobación final á Directiva da Unión Europea sobre contratos de crédito para bens inmobles de uso residencial. Esta directiva aplicarase aos contratos de crédito garantidos por unha hipoteca ou por outra garantía comparable utilizada nun Estado membro, así como aos contratos cuxa finalidade sexa adquirir ou conservar dereitos de propiedade sobre terreos ou edificios. As novas regras adaptaranse aos distintos mercados hipotecarios dos Estados membros, aínda que a información ao consumidor terá que presentarse nun formato homoxéneo en toda a UE.

Entre as medidas que se acordaron destacan as relativas a establecer un período obrigatorio de reflexión de sete días antes de asinar un contrato hipotecario, ou ben do mesmo período de sete días para retractarse trala sinatura, segundo o decida cada país; as demoras en relación cos desafiuzamentos coa esixencia de facilitar a dación en pago e evitando o sobre endebedamento a longo prazo; a flexibilidade na amortización da débeda; e a inclusión de medidas relativas aos préstamos irresponsables, de prohibición de condicionamentos dos préstamos e de garantías na taxación dos inmobles. Tras aprobación desta Directiva a Unión Europea da un prazo de dous anos para que os estados membros traspoñan a directiva á súa lexislación.

Para o grupo Parlamentar de AGE, esta Directiva non supón, nin moito menos, unha solución definitiva á problemática existente dos desafiuzamentos nin ás desiguais condicións dun mercado hipotecario favorecedor das entidades financeiras e en manifesto prexuízo da cidadanía tal e como destacou o deputado Antón Sánchez.

Pese a isto, si supón un avance potencialmente significativo respecto da normativa vixente española, en especial respecto da dación en pago, dos procesos de desafiuzamento e das condicións e garantías dos préstamos hipotecarios. Avance que se debe consolidar e materializar con ocasión da transposición efectiva da Directiva, modificando e, no seu caso, derrogando a normativa actualmente vixente na materia polo que o grupo parlamentar de AGE insta á Xunta de Galicia a solicitar a inmediata transposición desta directiva e aplicar e desenvolver a mesma no relativo á modificación da lexislación hipotecaria e de regulación do mercado hipotecario, de axuizamento civil, de subrogación e modificación de préstamos hipotecarios, coa finalidade de ampliar os supostos de dación en pago e de maiores garantías e defensa nos procesos de desafiuzamento, de limitación aos custos hipotecarios e, en xeral, de implantación de medidas efectivas de protección e defensa da cidadanía consumidora de ditos contrato de crédito.