Alén de apoiar as candidaturas cidadás, a organización propón a creación dunha coalición  instrumental a nivel nacional co obxectivo de fornecer unha cobertura xurídica que permita que xurdan alternativas municipais no ámbito da esquerda alternativa en todos os concellos.

Vigo 24 de xaneiro 2015-. Anova-Irmandade Nacionalista pechou este sábado a súa Conferencia Política Nacional sobre as municipais reafirmándose no seu apoio decidido á cidadanía organizada como motor da sociedade e, por tanto, ás candidaturas populares que xurdan polo país. Neste contexto, malia que Anova non rexeitará ningunha fórmula xurídica, primando así o proceso de confluencia, non ve acaída a creación de “agrupacións de electores”, senón a creación de partidos a nivel local para evitar a fragmentación política e nacional e poder dar a batalla nas Deputacións cunha coalición instrumental. 

Frontes Amplas

Alá onde non se dean candidaturas de unidade cidadá Anova seguirá apostando por estimular a creación de frontes amplas entre o tecido social e as forzas políticas do espazo de ruptura. Así, propón promover con urxencia unha coalición instrumental a nivel nacional entre as forzas políticas máis próximas, co obxectivo de crear unha cobertura versátil e cómoda que permita que xurdan e callen alternativas municipais no ámbito da esquerda alternativa en todos os concellos e así darlles cobertura xurídica. Trataríase, en resume, de crear unha marca común, facilitando un soporte xurídico que poderían empregar todas as candidaturas que o desexen, baixo un programa de mínimos e un código ético. As localidades terían, por suposto, total autonomía para a toma de decisións de escolla de candidaturas e elaboración de programas concretos, pero o feito de concorrer baixo un símbolo e unha referencia común no nome permitiría unha lectura unitaria no país e unha visión de alternativa política conxunta, amais de dar a batalla polas deputacións.

Alén da súa aposta polas dúas anteriores posibilidades, a organización tamén dou o visto bo para que nos concellos onde non existan candidaturas cidadás nin posibilidade de constituír frontes amplas Anova poida presentarse ás municipais coas súas propias siglas.

Noutra orde de cousas, a Conferencia Política serviu para definir uns principios éticos e programáticos mínimos, cos que unha comisión dedicada a xestionar o proceso das municipais a nivel nacional definirá un programa marco e un código ético que a militancia de Anova defenderá nos espazos electorais nos que decida participar.