O PP négase a que o Parlamento investigue “o roubo e o espolio da sanidade pública” e a privatización do novo hospital de Vigo.

Eva Solla denuncia o “financiamento irregular” da infraestrutura e a entrega dos seus servizos a amigos do partido do Goberno.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2015 (AGE).- O Partido Popular négase a que o Parlamento de Galicia investigue todo o relativo á construción do novo hospital de Vigo e a desfeita que está a constituír a súa posta en marcha. Así o amosou esta mañá no pleno da Cámara ao votar en contra da solicitude de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e BNG de crear unha comisión de investigación ao respecto. “Vostedes votan en contra de investigar o roubo e o espolio da sanidade pública, votan en contra do pobo, porque vostedes están en contra do pobo”, espetou a deputada de AGE Eva Solla ás bancadas do PP.

Mentres centos de persoas se manifestaban ás portas do Hórreo en contra da progresiva privatización do hospital vigués, Solla lembraba na tribuna as 200.000 persoas que hai dúas semanas desfilaban polas rúas de Vigo en contra da extremista e neoliberal política sanitaria da Xunta de Alberto Núñez Feijó. “Levamos denunciando a situación do hospital Álvaro Cunqueiro dende que entramos no Parlamento en 2012, e o Goberno acusounos de mentir”, relatou, “agora comprobamos que temos razón e comprobamos os horrores da privatización. Para vostedes, todo vale con tal de beneficiar as empresas amigas”.

A parlamentaria expuxo como a construción da infraestrutura sanitaria incumpre os seus propios termos de viabilidade económica. “Hai un financiamento irregular que non cumpre cos criterios do Eurostar e que debera ser investigado”, dixo, antes de pronunciar unha listaxe sucinta dos problemas que, a día de hoxe, presenta o hospital bautizado como Álvaro Cunqueiro: “Non está listo, non cumpre os estándares mínimos de calidade; hai inundacións, rotura de tubaxes, non conta con laboratorio central, non ten TAC, está sucio, non ten guindastres e si barreiras arquitectónicas, mesmo sen libro de reclamacións. E agora conceden á empresa de Güemes, quen desmantelou con Esperanza Aguirre a sanidade de Madrid, o laboratorio. A porta xiratoria, unha vez máis”.

Eva Solla pechou a súa segunda quenda de intervención logo dunha lamentábel prédica do deputado do PP encargado de defender o indefendíbel. Para Eva Solla, a posición da dereita de Núñez Feijóo indica que non queren investigar “os 200.000 euros que se lle pagaron á consultora Price Waterhouse por un informe desaparecido; non queren investigar por que o Goberno permite incumprir os prazos de execución do hospital; por que permite que se incumpran os criterios de risco e de calidade; néganse a investigar un hospital que non posúe eficiencia enerxética, cun 31,8% de camas menos e un 31,4% de quirófanos menos dos prometidos; néganse a investigar por que o hospital perde servizos e está contaminado”.

Nota elaborada polo departamento de Comunicación de AGE no Parlamento galego. Máis info