Texto do discurso de Xosé Manuel Beiras no debate do estado da nación 2015.

DEBATE SOBRE O ESTADO NACIÓN 2015

I. UN FIN DE CICLO

É ben sabido que, após a caída de Roma en mans dos chamados 'bárbaros' e a descomposición do Imperio Romano de Oucidente –o de Bizancio ía perdurar até meiados do s.XV– a cultura e a civilización da Europa abranguida por ese imperio atravesaron un longo periodo plurisecular de profunda e avesía escuridade, da que en rigor non darían saído plenamente hastra o primeiro Renacemento europeu, que o medievalista Georges Duby sitúa no s. XII –curiosamente, o coñecido como 'século de Xelmírez' na historiografía galega. Entre as espricacións ofrecidas polos historiadores de tan brutal e prolongado 'retroceso histórico', unha das teses formuladas sinala como unha das causas primordiais a seguinte. Roma herdara o universo cultural criado pola Grecia clásica, que abranguía dende a filosofía, as artes e as ciencias deica as suas proxecións nas 'artes aplicadas', ou sexa, na civilización técnica. Mais, durante a fase de declive do Imperio, o cultivo e transmisión do coñecemento filosófico e científico foran progresivamente desleixados, até confinarse case escrusivamente nos 'coñecementos úteis' para a reprodución das condicións materiais de existencia da sua civilización, que non da sua cultura. É dicir, desleixouse a formación en aras do adestramento, abandonouse a 'investigación básica' en favor da 'tecnolóxica', sustituíuse o saber polas habelencias. Así, cando caíu o Imperio, ao esborrallarse a organización política, desintegrarse a organización social, e destruirse a realidade material da civilización técnica, no caótico mundo resultante emerxeu, imperante, a 'barbarie' que xa rillara por dentro o anterior, e a carencia das indispensábeis bases filosóficas, científicas e artísticas impedíu durante séculos a reconstrución non só da cultura, senón da propria civilización material fundamentada nesas bases. Tiveron que chegar os árabes a Al-Andalus para reintroduciren na estrema sul-oucidental de Europa os saberes da Grecia clásica, e tería máis logo Afonso X 'o sabio', ao descubrir a fabulosa biblioteca árabe de Córdoba, que fundar a Escola de tradutores de Toledo para que Alberto Magno, Tomás de Aquino e os demáis primeiros 'inteleituais' do oucidente europeu medieval puidesen re-descubrir a Aristóteles, Platón, Arquímedes, Pitágoras, Hipócrates e demáis: é o Renacemento dos séculos XII-XIII. A crisálida da 'barbarie' empirista acobillada nas estruturas do poder da decadencia imperial, rillara como a couza aquil rexime e custara, logo, séculos de 'longa noite de pedra' cultural, económica, política e social.

A 'barbarie' de arestora, no actual fin de ciclo histórico, encárnana vostedes. E non me refiro só nen primordialmente aos ocupantes da Xunta en singular, senón á urdime da que vostedes son un diminuto apéndice terminal: os seus xefes no poder central do Estado, á sua vez monifates dos seu amos instalados en Berlin, Bruxelas e Wall Street. Cando Ray Bradbury escribiu, en 1953, a novela 'distópica' titulada Fahrenheit 451 –pola temperatura á que arden os libros, inda que Manolo Rivas demostraría que Os libros arden mal– estaba a formular a premonición da deriva embrutecedora que vostedes, ou sexa, a urdime de poder materialista ao servizo da plutocracia, ían encetar meio século máis tarde no sistema-mundo, ás ordes do inefábel brután chamado Bush IIº, e na UE do IVº Reich coa abolición fáctica da cidadanía como expresión social da cultura democrática e republicana. Dende o infame 'Plan Bolonia', que aniquila un sistema universitario europeu construido ao longo de novecentos anos, deica a anulación totalitarista da soberanía democrática dos povos que, coma o grego, cometen o dislate de 'votar mal', ou sexa, a contrafío dos dictados do omnímodo 'rei Midas' berlinés –léase Schäuble– e do devorador Minotauro global. Alguén científicamente tan solvente e ideolóxicamente tan pouco sospeitoso de extremismo ningún, como é James Galbraith, escribía, cando a UE botou ao lume a vontade democrática grega expresada en referendum e fixo un 'auto-da-fé' co seu governo, que os poderes fácticos encarnados no famoso 'eurogrupo' –que carece de bases xurídicas nen regulamento ningún– lograran enxendrar un híbrido monstroso de 'estalinismo en moldes neoliberais'. Mais xa se sabe que, se cada vez que o resultado dunhas eleicións nun paìs se desvía do road to hell, camiño cara o inferno imposto polos autócratas, houbese que rectificar ese itinerario, a 'eurozona' e portanto, para iles, a UE, sería ingovernábel –Schäuble dixit. Mais 'unha pantasma percorre Europa' outravolta, como diagnosticou Varoufakis: só que desta vez non o é o comunismo, senón a loita dos cidadáns e os povos europeus para resgataren a democracia secuestrada polos sátrapas da UE.

E é que estamos a vivir a fase final dun ciclo histórico, e portanto unha etapa de transición, coincidentemente en tres ámbitos superpostos: o do sistema-mundo, o da UE e o do rexime español malparido na famosa transición. Velaí o contexto no que compre enmarcar calquer debate 'de política xeral' en calquer cámara de representantes que se prece de ser tal cousa -contexto no que, ademáis, convén sinalar que eiqui, onda nós, no Liliput autónomo galego, este debate é o derradeiro da actual lexislatura. Pois daquela, como en toda fase de transición, entrecrúzanse e colisionan as dinámicas dos procesos que están a finar coas dos que están a emerxer, os fenómenos que están a periclitar e morrer cos que están a xestarse e nacer. Son augas avoltas e arremuiñadas, que tornan arriscada e perigosa a navegación, como as desembocaduras dos ríos que forman unha foz ao verqueren no ouceáno: a corrente e nível do río, segundo a estación; a da maré, en abalo ou debalo, viva ou morta; o vento de terra ou de fóra, de nortada ou de través -e os baixíos e tesóns, co risco de ficar varado. Xa imaxinan. Pois élles así: resulta difícil pilotar con xeito.

A nível do sistema-mundo, estamos na fase de 'caos sistémico' causado pola crise de hexemonía da potencia dominante, que só domina aínda nos eidos monetario-financeiro e bélico. A equivalente fase históricamente precedente durou os 'trinta anos de guerras euroasiáticas', en palabras de Inmanuel Wallerstein, dende 1914 a 1945. Bélicamente, enxendrou duas guerras mundiais. Financeiramente, rebentou co crack de 1929 e a creba do patrón-ouro. Socialmente, esmagou ao común cidadán coa Grande Depresión. E políticamente paríu a tiranía dos nazifascismos europeus –mussolinián, hitlerián e franquista–- e asiáticos –xaponés. Lindo balance apocalíptico sen sagradas escrituras. Non vou ofender a sua bagaxe de información enunciándolles os seus equivalentes actuais. Só sinalarlles dúas das analoxías. Primeira, a fuxida cara adiante hiper-belicista inaugurada polo Bush IIº coas suas xenocidas 'guerras preventivas' contra 'o eixo do mal' –sen que ninguén lle puxese diante un espello– que destruiron Oriente medio e boa parte de África, e enxendraron primeiro a enxurrada emigratoria que convirtiu as augas do Mediterráneo no meirande cimeterio europeu de afogados, e agora o éxodo sirio traducido en disque 'crise' dos refuxiados que non obteñen refuxio na 'eurozona', porque iso non dá réditos nen plusvalías, mentras os governos andan a relearen no reparto de cotas como na subasta á baixa nas lonxas do peixe. E logo os dereitos humanos, úlos?. No papel mollado dos tratados da Unión, e abonda con iso, que quen transgrede eses dereitos é Venezuela, que escolarizou e deu sanidade gratuita e seguridade social aos nadies de Galeano. Non a Hungría xenófoba que pecha as portas e maltrata aos refuxiados. Non o México do narco-presidente Peña e a masacre de Atzotinapa, nen o Paraguay dos indíxenas labregos procesados no canto dos policías que os agrediron, nen o ex-presidente colombiano Uribe comandante oculto dos paramilitares e máximo culpábel das fosas comúns que se están por fin a descubrir. Por suposto, tampouco o Schäuble tan xélidamente impertérrito perante a crise humanitaria grega coma o seu antecesor ministro hitleriano Walter Funk verbo do traballo escravo imposto por il aos untermenschen, os 'sub-humanos' –daquela xudeus, ziganos, comunistas e demáis 'ralea', agora os preguiceiros habitantes da Europa periférica do sul. Nen tampouco, en fin, o governo golpista e declaradamente nazi de Ukraína, a quen Schäuble & CÍA concederon este vran a condonación de débeda que un mes antes refugáranlle ao governo socialdemócrata grego de Syriza. Porque o impago de Ukraína non nos vai custar cartos como nos custaría o de Grecia, non si?. Claro está: para Schäuble e Rajoy os 'extremistas' sóno os demócratas socialistas ou demócratas tout court, non os nazis de arestora, que son 'da familia'. E vostedes colaboran nesas infamias, mentras impoñen o ensino da relixión católicada Contrarreforma no canto do latín, a filosofía, a literatura... e o galego, claro. As 'humanidades', para qué, se vostedes andan a fabricar un mundo de androides, a imaxe e semellanza súa?

A segunda analoxía trasládanos ao segundo nível: o da UE. O edificio da UE esborrallouse, bombardeado pola artillería dos 'mercados', dende fóra, e, dende dentro, polo estoupido de fraudes coma o da Volkswagen, fundada por Hitler –que seica tampouco nos vai custar cartos aos demáis, como nos custaran os buracos negros da banca alemá. E foi subrepticia e nocturnamente sustituído por unha oca escenografía en cartón-pedra, ao xeito dos 'poblados Potemkin', os simulacros de vivendas do ministro zarista famoso por iso mesmo e que, ademáis de lle dar involuntariamente nome ao acorazado tamén famoso polo filme de Einsenstein, seguramente foi fonte de inspiración para os políticos aznaristas e rajoyanos promotores de obras megalomaníacas nunca utilizadas para os seus pretensos destinos, dende aeroportos desertos a cidades da in-cultura, hoxe postas en saldo por catro reás ou desintegrándose a cachos por mor do 'vintimperio'. Mais, en rigor, a verdade é que a construción da UE nunca se encetou sequer. No tránsito do MCE-CEE a unha UE, a construción dunha auténtica unión política anfitriona dun artellamento económico, social, cultural e cívico da diversidade europea, e que portanto requería un proceso democrático de abaixo-arriba, análogo ao da construción dun edificio con-federal, foi suplantada por unha simples unión monetaria, nen tan sequer económica, a 'eurozona', montada dende arriba ao dictado do ultraliberalismo xa daquela rampante, coa castración dos bancos de estado dos países membros e sen seren sustituídos por unha institución comunitaria análoga, por caso, á Reserva Federal estadounidense e xa que logo sometida a control político democrático. Razón ten o ex-ministro italián de finanzas e profesor, decano de constitucionalistas, Giuseppe Guarino ao afirmar, nun recente ensaio, que a implantación do euro foi un auténtico golpe de estado, portanto un acto totalitario xa na orixe, ben antes do cometido agora contra o estado grego, ou no 2011 contra a soberanía tributario-orzamentaria das Cortes españolas.

Pois ben: nese contexto cadra a segunda analoxía que quería sinalarlles co 'caos sistémico' do período de entre-guerras do s.XX. Así como o crack do 29 aconteceu por obstinarse en manter un patrón-ouro incompatíbel coa realidade do sistema-mundo do entón, e así tamén como a subseguinte reacción suicida de teimar en non remudar o modelo provocou a Grande Depresión, así tamén o impacto do infarto de Wall Street no 2008 na 'eurozona' resultou letal por mor do aberrante deseño institucional desta unión monetaria, e a obtusa teimosía dos dirixentes políticos e economistas zombis en sacrificalo todo á misión imposíbel de sosteren o euro e o seu enxendro institucional ao servizo dunha urda financeira irresponsábel e corrupta, foi a culpábel de que a crise financeira derivase na espantosa grande depresión que levan a pagar dende aquela as clases traballadoras e cidadanía do común de toda a UE, convirtida en auténtica traxedia humanitaria en toda a sua periferia, dende o Báltico ao Mediterráneo e ás fisterras atlánticas -onde estamos nós, os ex-cidadáns e cidadás galegas. De nada valeu que as cabezas pensantes máis honestas e solventes do planeta nas ciencias sociais denunciasen argumentadamente a loucura dese camiño cara o inferno. Tampouco valeu até agora que a cidadanía máis lúcida ou máis agredida entrase en esforzado combate democrático de lexítima defensa. A 'barbarie' que vostedes encarnan non atende a razóns, nen inteleituais nen éticas, nen científicas nen morais, nen democráticas nen humanitarias. Vostedes, como tódolos mercenarios da historia, como tódolos 'asoldados', só cumplen ordes dos xefes, caudillos, duces ou führers, e cando compre aplícanas manu militare. Vostedes non pensan -ou, ao sumo, só pensan 'en metálico'. É o sempiterno combate da forza da razón fronte á razón da forza –e non vou mentarlles unha frase que os solprendería do pacifista Camus nas suas famosas Cartas a un amigo alemán baixo a ocupación nazi da Franza.

II. AS EIVAS CONXÉNITAS DO REXIME ACTUAL

O devandito ven ser un simples boceto de urxencia do contexto no que se sitúa a acción disque 'de governo' do seu partido, o PP, tanto no poder central do Estado canto na flamante Comunidade Autónoma galega –como vostedes gostan denominar ás castradas institucións actuais da nación galega. É o contexto que determina a aplicación de mortíferas políticas que invirten a relación normal entre o poder –cando pretende ser democrático– e os cidadáns: no canto de actuar con criterios de 'interés xeral' ao servizo do benestar das xentes do común, pratican a sistemática agresión contra delas co criterio do 'interés dos (seus) amigos/amos' –chegando a violar inclusive os máis elementais dereitos humanos, reitero.

Certamente esa deriva perversa do Rexime a nivel de Estado e da Autonomía galega ten resultado agravada por determinadas eivas conxénitas, ás que xa me levo referido en precedentes debates análogos, a empezar polo celebrado cando da sua investidura, señor Núñez. De xeito que lles vou aforrar reiteralas, e só farei uns poucos apontamentos recordatorios.

O primeiro refírese á xestación do rexime actual. Convén relembrar que o Estado español é o único caso en Europa no que, ao remate dun rexime totalitario fascista, non se abríu un proceso constituínte democrático ex novo, senón unha 'reforma politica' –do irreformábel– pactada por arriba cos xerifaltes do criminal rexime precedente. É dicir, un fraude ético e político á cidadanía toda, e especialmente aos que se xogaran liberdade e vida na loita contra a tiranía –que matou até última hora: así o impune asasinato dos avogados antifranquistas de Atocha, ou o dos cinco derradeiros loitadores antifascistas –dous diles galegos– fusilados mentras o vello marrau agonizaba entubado na cama, e do que veñen de se cumplir corenta anos o pasado 27 de setembro. Por riba, a aberrante lei de amnistía do 77 non amnistiou só aos condeados pola tiránica 'legalidade' franquista –faltaría máis– senón tamén e sobre todo á grea de criminais políticos, torturadores e asasinos mercenarios do rexime parido polo xenocidio franquista. Dirán vostedes que é auga pasada que xa non ven a conto, mais inda hai poucos meses que esta cámara votou en contra da proposta de reforma desa lei formulada polo BNG, ciscándose así no informe do relator das NU que o requería e declaraba imprescriptibeis os delitos de aquiles criminais amnistiados. En contraste, na Arxentina que vostedes desprezan, a Ley de punto final foi derrogada xa hai anos polo Presidente Kirchner: aprendan.

O segundo atinxe á restauración da monarquía borbónica, poisque o pacto constitucional declarou monarca a un Borbón que fora ilexítimamente investido como rei polas cortes franquistas en aplicación nada menos que da Ley de Sucesión de 1946 –unha das Leyes Fundamentales del Movimiento Nacional fascista español que, na transición, os promotores de Alianza Popular pretendían manter vixentes -'reformadas', iso si. A mesma lei que, por certo, xa daquela declaraba a España Reino, cun rexente vitalicio, e que a constitución tamén asumíu –sen rexente, claro, por difunto. Tampouco iso é auga pasada, porque ese fraude ven de ter segunda edición na subrepticia sustitución de Juan Carlos I por Felipe VI sen consulta ao disque 'pueblo soberano de la nación española única e indivisible'.

O terceiro consiste no inxustificábel rexeitamento de recoñecer constitucionalmente o dereito á autodeterminación proclamado polos máis altos organismos da comunidade internacional, e documentalmente asumido por tódalas forzas democráticas clandestinas no tardo-franquismo –Felipe González incluído, como me consta por ter sido membro da Conferencia Socialista Ibérica en representación do xa histórico PSG. A cousa foi un grave contrasentido antidemocrático nun Estado sociopolíticamente plurinacional como é o español, e tivo funestas consecuencias, dende a violencia de ETA, que de ser recoñecido aquil dereito non tería existido, deica o calexón constitucionalmente sen saída do potente proceso cívico independentista catalán de arestora. Tampouco isto, portanto, é auga pasada, senón outro dos 'pecados orixinais' –en léxico do seu catolicismo de carton-pedra– que, conxugados cos 'pecados capitais' da constante involución encetada xa a partir do madrugador golpe de estado do 23-F-1981, só fallido a medias, e logo agravada e acelerada polo impacto devastador do furacán ultraliberal procedente de Mitteleuropa sobre as cláusulas constitucionais garantistas das liberdades cívico-políticas e os dereitos laborais e sociais do común cidadán, esprican abondo o proceso de descomposición institucional e social do actual rexime, que acada o estadio de putrefacción neste fin de ciclo histórico no 'corral nublado' pola pandémica corrupción, onde se está a representar aquil premonitorio Celtiberia Show da extinta revista Triunfo, amén da reposición da Corte de los milagros e algúns dos esperpentos máis sonados de don Ramón María del Valle-Inclán.

III. OS DESTRAGOS DA BRIGADA DE DEMOLICIÓNS E EXTERMINIO NA AUTONOMÍA GALEGA

Por suposto que, no contexto da Restauración borbónica, a Autonomía galega tamén padeceu eivas conxénitas ou 'pecados orixinais': díxenlles xa que as sinalara cando da sua investidura e non as vou reiterar. Entre o raquitismo das competencias realmente escrusivas atribuídas no Estatuto, a progresiva e impune invasión de todas elas polo poder central, e máis que eiquí –a diferencia de Euskadi e Catalunya– as forzas 'alóctonas' da dereita reacionária española ocuparon Xunta e Parlamento todo o tempo, agás lexislatura e media, as eivas conxénitas multiplicaron a especie e tolleron a capacidade da Autonomía para servir a Galiza, até convirtila en simplesmente aparente ou virtual. Inclusive durante os mandatos do 'home de estado' que era o presidente Fraga, a quen disque lle cabía ese Estado na cabeza -tíñaa ben grande, abofé. Mais chegaron vostedes coa sua brigada de demolicións e fixeron o que nen Fraga pretendera facer e semellaba inconcebíbel: deron o 'salto cualitativo' de utilizaren as institucións da Autonomía contra o autogoverno dos cidadáns e as cidadás galegas; puxéronas ao servizo da metrópole ultraliberal teutona e da sua sucursal carpetovetónica da Moncloa. Primeiro, dende a oposición, boicotearon a reforma ampliadora e afortaladora do Estatuto promovida polo 'bipartito' e claramente apoiada pola sociedade civil na rolda de comparecencias celebrada daquela. Despois, empoleirados na Xunta, procederon a convirtir o Estatuto nun esquelete sen músculos, nen nervos, nen sangue –e o pior de todo: sen cerebro.

Durante as dúas lexislaturas que levan na Xunta, a angueira inicial de demolición transmutouse nunha estratexia de exterminio material, cultural e político do territorio denominado Galiza e máis do povo chamado Galego hai xa máis de dous mil anos, cando as primeiras lexións romanas ousaran cruzar o río do esquecemento, o Leteo, ou Lima/Limia. Cando da sua investidura, señor Núñez, eu sinaláralle o espólio que estaba a padecer Galiza, coa intención de exhortalo a impedir que continuase. Inxénuo de min. Fixo vostede esactamente o contrario: dedicouse a reduplicar ese espólio nos diversos níveis e dimensións da realidade do país: materias primas, formación de capital, forza de traballo, potencial demográfico, criación científica e técnica, patrimonio cultural, patrimonio natural e medioambiental. Non lles vou facer eiqui o 'inventario' dos seus destragos: farállelos a miña compañeira Yolanda Díaz na defensa das nosas propostas para tentarmos remedialos. Só relembrarei escuetamente as formas primordiais dese espolio, ilustradas con algunhas das mostras máis rechamantes: 1. o espólio enerxético. 2. o espólio financeiro. 3. o exterminio do campesiñado e a xente mariñeira. 4. a escravización das clases traballadoras e expatriación forzosa das xeracións mozas. 5. o desmantelamento e privatización dos servizos públicos e sociais. 6. o etnocidio cultural e lingüístico. 7. o ecocidio ou agresión criminal aos ecosistemas e o medioambiente. Velaí os seus sete 'pecados capitais'. Se cadra conviría engadir un oitavo, para completar a versión primixenia de San Casiano no s. IV, e sería o feminicidio (34 mulleres galegas asasinadas dende 2008), esa lacra revoltante para calquera dotado da sensibilidade da que vostedes carecen, produto da violencia machista ínsita no sistema patriarcal, mais agravada pola destrución dos valores éticos na sociedade e a degradación das condicións de existencia das xentes causada polas políticas materialistas e inhumanas do seu ultraliberalismo.

Algunhas mostras recentes. 1. O espolio e bloqueo da enerxía eólica e demáis alternativas, coa sumisión aos estafadores conglomerados das eléctricas, a expatriación de FENOSA, a agresión á autoxeneración culminada agora polo ministro Soria co novo 'trabuco', o escándalo do falso 'deficit tarifario' e a falsificación dos contadores, amén de SOGAMA e a brutal contaminación polas termo-eléctricas.

2. O roubo das Caixas -regaladas por 900 millóns despois de 'sanealas' con 9.000 millóns pagados polos cidadáns para que os novos proprietarios fixesen 1.500 de beneficios no primeiro ano- e o secuestro da sua Fundación: e inda lles bican a man agora por unha esmola de 18 millóns.

3. O exterminio dos gandeiros, sometidos á extorsión das industrias e as distribuidoras, fomentada pola Xunta sen ter movido un dedo na sua defensa nen en previsión da supresión das cotas do leite anunciada pola UE hai ben tempo. E no mar, o acoso ás flotas de altura e baixura, o escándalo do mixilón de fóra envasado en conserva eiqui como 'produto galego', ou a nova ofensiva das piscifactorías de peixe-lixo.

4. A redución das xentes traballadoras á escravitude e inseguridade, case 200.000 parados sen subvención, virtual desaparición dos postos de traballo estábeis, xeneralización dos contratos en precario, ás veces nen 'temporais', só 'episódicos', e pagados por equis horas para traballaren o dobre delas, sen cotizaren os amos á seguridade social, ou sen tempo para adequiriren dereitos ao paro nen á xubilación. E, como consecuéncia, o éxodo da mocidade neste país envellecido que perde habitantes cada ano. Por riba, aos retornados que traballaron fóra toda a vida, cóbranlles impostos polas xubilacións que xa tributaron nos países que llelas pagan.

5. A conversión do ensino e a sanidade en mercadorías para quen poidan pagalas, constante redución de plantillas de persoal médico e sanitario, servizos e incluso hospitais do SERGAS entregados como negocio finanzado con fondos públicos a especuladores privados que por riba fan fraude, como no de Vigo; cobro de fármacos a enfermos graves, crónicos ou anciáns, ou atentados ás suas vidas como no caso da hepatite-c: son auténticos crimes contra os dereitos humáns; o mesmo que o desmantelamento dos servizos sociais, a dependentes e disminuídos, o escarnio do RISGA, etcétera.

6. O etnocidio, ou sexa, criminal desleixo e mesmo agresión á cultura, o patrimonio e o idioma proprios do povo galego, mais tamén a toda actividade cultural, criación e investigación científica -ou sexa, inoculación da 'barbarie' na sociedade.

7. O ecocidio, agresión aos ecosistemas e o medio ambiente e desproteción dos espazos naturais -dende tódolos frentes da 'barbarie utilitarista': eucaliptización, pandemia dos incendios, cultivos enerxéticos e transxénicos, exterminio das sementes autótonas, contaminación das rías, os ríos e a atmósfera, minaría salvaxe. Todo agravado polas suas leis de montes, do solo, de augas, de costas, os seus plans de actividades estractivas, de acuicultura litoral: unha batería preparada para acometer un novo macro-espólio se acaso remata a 'crise' –mais daquela, por fortuna, non estarán vostedes no poder.

IV. CARA UN NOVO CICLO POLÍTICO

Lémbrense ben. Hai agora dous anos case esactamente, o 15 de outubro do 2013, no debate equivalente ao actual nesta mesma cámara, este portavoz enunciaba unha diagnose do "estado de ánimo e a actitude dos diversos sectores cidadáns". Desglosaba dous tipos: "os que se sinten impotentes, desesperan e se resignan, e os que se arrepoñen, autoorganízanse e combaten fronte a tanta barbarie do poder". Definía logo aos segundos: os que se arrepoñen son "os que con toda coraxe exercen como cidadáns libres, por moi improbábel que consideren vencer e por moitas batallas cívicas que perdan". E arriscabame a pronosticar: "Deses está a vir a maré de rebelión cívica que acabará co poder ignaro e autocrático de vostedes".

Tomáronme outravolta por tolo. Alguén inclusive me alcumou de utópico –sen decatarse da flor que me botaba, poisque aprendin de Galeano, en Porto-Alegre, que "a utopía é a que nos move e guía para camiñarmos avante no sentido da Historia", tal coma o espellismo ao camiñante no deserto. Mais, na primavera seguinte, esa maré da rebelión cívica emerxeu a nível do Estado nas eleicións europeas, cando Podemos acertou a traducir en alternativa eleitoral o esprito transgresor do 15-M do 2011. E un ano máis tarde, na primavera pasada, coas eleicións municipais, a 'maré da rebelión cívica' traducíuse, en Galiza literalmente, nas grandes Mareas que asolagaron cunha vivificante enxurrada democrática os castelos rochedos dos tres grandes feudos que vostedes inda dominaban no arco que vai do golfo Ártabro á cabeceira do Sar. Menudo éxito do señor Núñez, que puxera 'dixitalmente' ao seu millor conselleiro ao mando do tamén seu esperpento compostelán, que declarara a Ferrol 'base naval' inexpugnábel da sua armada, e até proclamara ao 'seu' alcalde da Coruña como o millor alcalde de Galiza. Pois alén desas tres grandes, as mareas entraron tamén nas corporacións das restantes cidades –incluída a miña materna Vigo do arrase caballeresco onde, por certo, a sua xentil conselleira de Facenda 'marcouse' o pior resultado do PP en toda a historia da cidade. En conxunto, houbo por toda Galiza adiante até setenta candidaturas municipais desa mesma índole ou análoga, con protagonismo cidadán en fórmulas variábeis de unidade popular. Sen contarmos os logros do nacionalismo popular 'bloqueiro' en vilas cabeceira de comarca e concellos da desleixada Galiza rural. Ao día seguinte das municipais, no mapa do Estado, as vitorias da rebelión cívica en clave de unidade popular tiñan nomes de localidades singulares: Barcelona e Badalona en Catalunya, Madrid no centro do Estado, Zaragoza en Aragón, ou Cádiz en Andalucía. Só a respeito de Galiza se conxugaban en plural cun rótulo xentilicio: eran as Mareas galegas. Abraio xeral: mira ti, no consabido feudo do PP, quien lo iba a decir! Como cando do Nunca Máis: seica fora xeración espontánea e instantánea. Non se reparara no longo proceso previo de loitas en defensa da Galiza labrega, da obreira, do ensino, do idioma, das rías -e así seguido. É o que ten o 'presente como historia': se non se sabe ler, é difícil predicir.

Esas formas emerxentes de participación directa na confrontación político-eleitoral dunha cidadanía farta de que os representantes eleitos para defendela nas institucións polìticas incumplisen o seu mandato –lémbrense da acusación: non nos representanconstituiron unha nova expresión da cultura cívico-política da esquerda social e dos valores republicanos –mesmo sen que os fixesen esplícitos nen, polo xeral, invocasen a república. Foron elas o auténtico motor do salto adiante que se operou con ocasión das municipais no proceso da rebelión cívica -primordialmente en Galiza, insisto. E o seu trunfo contra pronóstico –insólito trunfo da infantería civil fronte a artillería do PP e máis a 'Brunete mediática'– marcou un punto de clara inflexión cara adiante na dinámica de esgotamento e descomposición desta segunda Restauración borbónica. Unha dinámica acelerada e reforzada nos últimos anos polo que un sinalado constitucionalista ten definido como auténtico proceso deconstituínte que opera como as tesouras ou as tenazas, dende abaixo e dende arriba. Propulsado dende abaixo, e lexítimamente, pola dinámica acumulativa de rebelión cívica, traducida agora en fórmulas de unidade popular. Mais tamén dende arriba, só que espuriamente, pola actuación do PP nas cámaras lexislativas –e infortunadamente, en varios lances decisivos, polos dous 'partidos dinásticos' do Rexime man a man. Actuación que leva derrogado de facto os postulados, normas cardinais e cláusulas garantistas do 'Estado democrático e social de dereito' e máis da 'Economía social de mercado' proclamados na Constitución de 1978 –e suplantando así o modelo de constitucionalismo democrático inicial polo de constitucionalismo oligárquico actual. A 'deconstituída' constitución actual, no canto de servir aos dereitos do demos, ou sexa o povo, convirtírona nunha ferramenta manipulada pola oligarquía financeira precisamente contra o povo –ese demos que os ignaros oligarcas seica confunden co demo.

Derrotarmos a esa oligarquía, desaloxala do poder, reinstaurarmos a democracia, abrirmos de vez un novo ciclo: eis o reto que temos diante, a batalla que compre librarmos xa nas vindeiras eleicións ás Cortes do Estado. Mais, para acadarmos ese obxectivo, é preciso artellar entre sí os diversos actores que están polo labor, e definir conxuntamente os eixos vertebrais dunha estratexia acaída para que o povo galego irrumpa como suxeito político soberano no escenario desas vindeiras eleicións ás Cortes. Eis o primeiro requisito: a presencia e participación do povo galego como suxeito político de seu nese combate a prol da rexeneración democrática da sociedade. Porque un povo sometido a espolio colonial, como o galego, só pode confiar nunha mudanza de ciclo político na que il mesmo sexa decisor soberano dos seus actos: nada recibiu nunca o povo galego da 'España eterna', e ben demostrado está xa que a autonomía outorgada hai xa un terzo de século non lle servíu para resolver os seus graves problemas endémicos, sexan sociais, ambientais, económicos, culturais ou lingüísticos. Menos aínda para se emancipar Galiza da sua sempiterna condición de serva. Tódolos que dicimos asumir e defender o dereito á libre decisión dos povos/nacións do ámbito do Estado debemos, congruentemente, asumir ese postulado.

A nación galega integrámola tódolos cidadáns e cidadás que somos galegos e galegas de nación –que non de nacemento, pois quen vive e traballa integrado na Galiza é tan galego coma quen naceu nela. O povo galego é unha 'comunidade de orixe' e unha 'comunidade de cultura' xestadas e forxadas ao longo da historia dende hai máis de dous milenios: como cantan Mini e Mero, xa estabamos por aquí cando chegaron os romanos. Mais, en moldes democráticos, a nación galega é o conxunto da cidadanía que a integra, e ise é o suxeito político titular da soberanía nacional. E ise é o que ten que protagonizar o combate na palestra política. Mais ese conxunto non é un saco de area. É plural e internamente diverso, dende a estrutura de clases deica o espectro ideolóxico. Portanto, a nación sobarda o espazo social do nacionalismo, malia que as formacións políticas e cívicas nacionalistas foron históricamente e seguen a ser arestora as ferramentas primordiais da construción efectiva da nación galega como suxeito soberano. De xeito análogo, a esquerda socialmente existente sobarda o espazo das diversas forzas políticas que se reclaman de esquerda. Eis, xa que logo, as chaves para artellarmos aos diversos actores que están a participar no devandito proceso deconstituínte asumindo a nación en clave de esquerda e maioría social, ou sexa, clases populares e común cidadán. Cada un diles ten a sua etioloxía, o seu espazo de loita e a sua perspectiva sobre o conxunto, mais todos son necesarios: as mareas municipais, as plataformas e movementos cívicos e sociais activos na sociedade civil, e as forzas políticas confrontadas cos poderes que agreden aos cidadáns do común.

Cómpre, pois logo, que cidadáns auto-organizados e forzas políticas leais a iles, loitemos conxuntamente nunha estratexia de unidade popular para darmos remate a este fin de ciclo, é dicir, para darmos cabo deste corrompido e agónico Rexime político, e encetarmos, tanto na Galiza coma no ámbito completo do Estado, un ciclo novo. Cómpre resgatarmos a democracia, hoxe secuestrada como xa dixen polos sátrapas da UE e os seus lacaios en Madrid e San Caetano. Cómprenos, si, reinstaurar e reinstituír a democracia hoxe facticamente abolida en toda a UE, e facérmolo en matriz solidariamente republicana: "non che hai outra", como din nestes casos os meus viciños do rural –e eu suscrebo e exhórtovos a pór en obra.

Dixen.