O Coordinador Nacional de Anova e vicevoceiro de AGE no Parlamento galego, Antón Sánchez, repasou os datos e anuncios de Núñez Feijoó no seu discurso no debate sobre o estado da nación. “Coma sempre o presidente Feijoó non fixo balance do seu goberno, ou cando o fixo foi cunha enchente de inexactitudes e datos manipulados”, afirmou.

Compostela, 14 de outubro de 2015-. Sánchez fixo un repaso á maioría de puntos cos que Núñez debuxou unha especie de país das marabillas que, en realidade, leva anos expulsando á súa mocidade, como ben relatou Xosé Manuel Beiras na súa intervención: “A redución das xentes traballadoras á escravitude e inseguridade, case 200.000 parados sen subvención, virtual desaparición dos postos de traballo estábeis, xeneralización dos contratos en precario, ás veces nin 'temporais', só 'episódicos', e pagados por equis horas para traballaren o dobre delas, sen cotizaren os amos á seguridade social, ou sen tempo para adquiriren dereitos ao paro nin á xubilación. E, como consecuencia, o éxodo da mocidade neste país envellecido que perde habitantes cada ano. Por riba, aos retornados que traballaron fóra toda a vida, cóbranlles impostos polas xubilacións que xa tributaron nos países que llelas pagan.”.

Os datos son ben reveladores. A crise demográfica que Núñez pretende circunscribir tan só á ausencia de vontade de ter fillos por parte de galegos e galegas, é dicir á natalidade, reflicte máis ca nada a absoluta inoperancia dun goberno que non é quen de proporcionar oportunidades vitais á súa xente. “É esta falla de oportunidades, de servizos públicos e de políticas efectivas en xeral a que fai que a xente emigre e que a mocidade non poida afrontar a decisión de ter fillos ou fillas, pois carecen de estabilidade laboral, de soldos dignos...”, continuou Antón Sánchez. “Neste contexto, os cheques-bebé, coma o que anunciou o presidente de 100 euros ao mes, nin chegan a ser parches. Galiza perde 10.000 habitantes cada ano. Esa é a realidade. Non ten comparanza no Estado agás Castela e León. Só esta perda de poboación e a conseguinte perda de poboación activa explica a lixeira mellora –xa que logo ficticia– da taxa de desemprego, e non a creación de traballo”.

Segundo o vicevoceiro de AGE, “temos que concluír que o relato de que Galiza se anticipou á crise caeu polo chan hoxe, coa publicación do informe Eurostat sobre emprego, que tristemente pon Galiza como exemplo das rexións onde máis emprego se destruíu en Europa e tamén polo informe do CES, no que se afirma que neste período se perderon no país 145.000 mozos e mozas de entre 18 e 35 anos”.

No entanto, Núñez si recoñeceu, e non é sen tempo, o grave problema de abandono e avellentamento do rural, mais como se fose unha desgraza divina e non como unha consecuencia das súas nefastas políticas e mesmo ao apoio explícito e implícito ás políticas que desertizan e avellentan o rural. “Só quedan 7.100 titulares de explotacións menores de 40 anos. Un novo mínimo histórico. Menos dun 5 por cento. E o 60 por cento teñen máis de 60 anos”, engadiu Sánchez. “Os únicos anuncios que teñen que ver co rural son reducións e exencións de impostos, algúns deles anunciados xa hai un ano, outros nunca cumpridos e outros xa de feito exentos. Nada de plans sectoriais para diversificar o agro, nada de recursos para a investigación e innovación agroforestal, nada de nada”, continuou.

E é que Núñez non fixo ningún anuncio transcendente sobre medidas para a transformación industrial, tan só fachendou unha vez máis cos contratos do naval, que non xeraron nin unha terza parte dos empregos prometidos na anterior campaña. Tampouco apuntou nada sobre a mellora da base territorial e pasou por riba –cando non mentiu directamente– sobre a política enerxética. “O PP entrou no goberno coa consigna de paralizar as renovábeis e beneficiar ao lobby do carbón e das nucleares. O de que o 85 por cento dos megavatios concedidos seguen adiante no concurso é unha mentira tan evidente que debería caerlle a cara de vergoña. Se hai un sector paradigmático para as desastrosas consecuencias da xestión de Feijoó é o das renovábeis, un sector cun enorme potencial  de creación de riqueza e emprego. Paralizou o sector eólico, cun modelo que non nos gustaba, certo é, pero sen propoñer outro modelo viábel e democrático alternativo. Un dato obxectivo é que no último ano só se instalaron 12 MW e por riba abriuse a posibilidade de que as empresas beneficiadas do anterior reclamen perdas patrimoniais. Un despropósito.”, apuntou o Coordinador de Anova.

Noutra orde de cousas, Núñez anunciou a axilización da Risga, recoñecendo polo tanto un problema que a oposición leva tempo denunciando, non quixo entrar a fondo sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro un día despois de que asistísemos a un esperpento máis cando rebentou unha tubaria de fecais e falou de I+D+I sen concretar medidas, cando centos de investigadores emigraron neste período.

“Núñez dedicou máis tempo a falar de Cataluña e da unidade de España que de calquera outra cousa. Nin sequera presumiu da recente remodelación do goberno, porque sabe que en realidade foron tres ceses, dous deles encubertos. Xa hai tempo que é un goberno esgotado. Precisamos urxentemente artellar unha alternativa política real a este desastre”, finalizou Antón Sánchez.