Que non exista nin a máis mínima responsabilidade política polas 80 mortes e 146 persoas feridas no accidente do Alvia en Angrois demostra a podremia dun réxime que non ten a máis mínima sensibilidade coas vítimas.

Durante todo este tempo aisitimos ao baile de imputacións e desimputacións e de tódalas estratexias encamiñadas a diluír as responsabilidades para que ninguén do aparello do goberno e das estruturas empresariais de RENFE e ADIF quede afectado pola carga da responsabilidade.

Dende o noso grupo parlamentar, Alternativa Galega de esquerda (AGE), seguiremos esixindo, como vimos de facer cunha nova proposta de resolución desta vez no debate do estado da nación, a creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego para estudar as causas do accidente ferroviario acontecido en Angrois-Santiago o 24 de xullo de 2013, asi como determinar as condicións de seguridade na rede ferroviaria de alta velocidade galega, esixindo ao goberno do Estado que dote, de forma urxente, ás liñas ferroviarias galegas dos sistemas de seguridade axeitados para que non volvan a producirse accidentes deste tipo.