Xosé Manuel Beiras foi entrevistado por Aida Pena para a Cadena Ser. O portavoz nacional falou sobre ‘En Marea’ e a forma de concorrer ás eleccións xerais, que ao seu xuízo debería ser como partido instrumental para garantir a formación dun grupo parlamentar galego na Cortes, xaora que a fórmula de coalición non funcionou. Beiras apelou ao documento fundacional de 'En Marea', presentado en outubro pasado na compostelá praza de Mazarelos, para convidar ás outras partes da coalición a loitar polo mesmo.

Resume da entrevista

Sobre o pacto Podemos-IU

O que pasa é que non sei se temos bos discípulos a nivel de Estado. Eu sempre pelexei porque houbese un acordo entre Podemos e Izquierda Unida. Sempre dixen que cumpría un acordo entre Podemos e IU, baseado en postulados políticos e programáticos, non en datos demoscópicos. Pero está claro que ese acordo o que debía facer é completar o que xa foron acordos, tanto en Galiza como en Catalunya como no Páis Valenciá. Pero nestes meses pasados o que se foi percibindo é que algúns dos continxentes procedentes de Esquerda Unida de Galiza e de Podemos –polo menos antes do cambio de dirección no que gañou o proceso interno para a Secretaría Xeral Carmen Santos– non estaban precisamente favorecendo a posta en práctica do que son os postulados políticos de En Marea e polo tanto iso estaba creando certas distorsións, por exemplo no órgano de dirección política de En Marea, que non é o grupo parlamentario, que é a Coordinadora de En Marea.

Sobre o partido instrumental e o grupo parlamentar

Hai que lembrar os documentos políticos fundacionais de En Marea, como o de Mazarelos en setembro de 2015. Nel, amais doutros, hai un apartado fundamental que hoxe cómpre ter en conta, o de “procesos constituíntes, soberanía e dereito a decidir” (http://www.anova.gal/campanas/cortes-2015/588-un-paso-mais-cara-a-unidade-popular). Fala de que concibimos o pobo galego como suxeito político soberano en tódolos aspectos. Isto foi apoiado por 410.000 cidadáns. E logo negóusenos o grupo parlamentar por unha interpretación retorta do regulamento. Entón hai un mecanismo técnico-xurídico para evitalo, unha ferramenta, que é un partido instrumental. Se non se respecta isto, agora que a lexislatura abortou e hai que repetir as eleccións, En Marea, ampliada e democratizada, coa incorporación das mareas en común e do que se queira, ten que ser leal cos cidadáns que votaron esta alternativa en decembro. Non poden darlle a volta polo forro nin renunciar ou conculcar ou violar ou ser “perxuros” aos documentos asinados polos actores.

A asemblea do 15M e a fraternidade

Vai haber unha asemblea de En Marea o día 15, aberta á participación individual, a novos continxentes e grupos que queren incorporarse ao proceso das mareas e polo tanto a En Marea, na que confío que o cerebro colectivo sobrancee sobre os cerebros individuais que non dan entendido as cousas, que ao mellor están a outro asunto. Na situación da gran depresión na que estamos, Anova apostou porque era necesario que o eixo da cuestión nacional se inserise na dinámica da esquerda social maltratada, esmagada, agredida, polo tanto no conxunto da maioría social, das clases populares. De aí veu a estratexia de alianzas con aquelas forzas que non son nacionalistas pero que asumiron os dereitos nacionais de Galiza. Na medida en que cadros desas forzas que asinaron isto, agora dean marcha atrás o que farán será apuntarse a un recrudecemento da imposición das estratexias de Estado, con razóns de Estado español, contraditorias cos dereitos do pobo galego sobre o pobo galego, sobre as clases populares galegas, e entón evidentemente están traizoando. Eu levo toda a puñetera vida traballando e facendo pedagoxía para que se entenda isto e para establecer relacións cordiais, de fraternidade, entre todas as esquerdas, pero naturalmente a solidariedade e a fraternidade, ou son recíprocas ou non funcionan, porque quen a practica, aínda que non teña contrapartida, acábase convertindo nunha especie de actor filántropo que non ter nada que ver coa solidariedade e evidentemente aí chegamos a un límite no que O Beiras di, de aí non paso.

Democratización de En Marea

Si, estamos nunha situación delicada porque tódolos procesos de articulación, de sectores que teñen tradicións, prácticas e historia, persoais, individuais e colectivas, diferentes son procesos complicados. Se alguén xoga a intereses persoais é da vella casta. E hai persoas que están a facer iso. Non vou poñer nomes, eu non acuso a persoas, eu analizo a situación. Dicimos que procedemos da cultura que a nivel galego abrollou con Nunca Máis, ou que a nivel de Estado abrollou coas prazas e o 15M, pois sexamos leais con esa cultura, porque esa cultura exclúe que ninguén utilice as pautas de actuación da vella cultura política e da casta, e se o fai entón estará na nova pero non será de verdade. E en segundo lugar hai que asumir que o pobo é quen máis ordena, e polo tanto as decisións teñen que ser asemblearias. Se hai unha asemblea que di A, aínda que eu pense que non debe ser A, eu acato a decisión da asemblea. Pero que persoas dirixentes vaian tentar impoñer iso sen que haxa un proceso de debate na base, entón eu si que non acato iso. Eu cando tiven que pasar pola situación en que a obediencia á organización do partido do que formaba parte entraba en contradición coa miña lealdade aos cidadáns, collín esa lealdade e paguei os custes correspondentes. Fun masacrado, decapitado e expulsado, e tiven que refacer o meu camiño. Eu son demócrata no sentido propia da palabra e non disfrazado de nada.

Os cadros políticos que non estean de acordo cos mecanismos como o partido ou coalición instrumental que garanta que non nos poidan confinar no grupo mixto ou negarnos un grupo parlamentario, co que significa iso en capacidade de fogo, que é ao que lle teñen medo, os que estean en contra terán que explicar por que, porque non ten lóxica.

Ética na política

A ética ten que estar como guía, por diante e por riba da política. Trabúcome en moitas cousas coma calquera, pero nunca ninguén puido pillarme en ningún fraude aos principios deontolóxicos dunha ética de esquerda, democrática, republicana e socialista. Cadaquén que se contemple no espello e saiba se está facendo iso mesmo, se o está levando á práctica ou está falseando as cousas. Ese é o problema. Eu non son tan importante. Pero eu non deixo na estacada á xente que me votou malia que a miña presenza sexa ineficaz para defendelos.