Actividade Política

As nosas opinións políticas, intervencións nas institucións, actividades...

Anova-IN coas Marchas da Dignidade

Anova anima ao conxunto da cidadanía agredida a participar desta mobilización polos dereitos sociais, a dignidade e a soberanía plena de todos os pobos. Pan, traballo e teito para todas e todos.

O goberno debe adoptar xa a Directiva da UE sobre as hipotecas

O deputado Antón Sánchez sinalou que, pese a non ser a solución definitiva á problemática dos desafiuzamentos e as condicións desiguais entre as entidades financieiras e a cidadanía, si supón un avance significativo respecto da normativa española.

A Coordinadora Nacional escolle nova Permanente

A Coordinadora Nacional de Anova-IN reuniuse o pasado sábado, 8 de marzo, para renovar a súa Comisión Permanente e fixar as bases para a escolla, por parte da militancia, das persoas candidatas ás eleccións europeas.

Anova convoca Coordinadora Nacional para o 8 de marzo

Reunida onte á tardiña en Santiago de Compostela a Permanente de ANOVA, coa presenza do Portavoz Nacional, acordou convocar Coordinadora Nacional Extraordinaria para o próximo día 8 de marzo coa seguinte orde do día:

1. Dar conta das dimisións da Permanente e, no seu caso, proceder á súa substitución.

2. Eleccións europeas: escolla das persoas candidatas de Anova, designación por Anova da cabeceira da lista galega e método para levalo a cabo.

A respecto do primeiro punto trátase de tomar coñecemento e oficializar perante a Coordinadora Nacional a dimisión irrevogábel de dez dos seus membros, e tomar as medidas que considere pertinentes a respecto da súa substitución.

No tocante aos segundo punto da orde do día trátase de habilitar o método de escolla dos candidatos e candidatas que han de integrase por ANOVA na lista da esquerda federal como foi aprobado no referendo celebrado o día 23 de febreiro. A este respecto a Coordinadora Nacional do día 15 do mesmo mes acordou que a elección se fixese por un método, a determinar nesta Coordinadora hoxe convocada para o día 8, que en calquera caso sería de elección directa por toda a militancia.

Finalmente e a respecto de especulacións sobre posíbeis candidatos/as por ANOVA para ir na lista que están aparecendo nos medios, nin que dicir ten que son iso, especulacións, dificilmente pode falarse con fundamento dese tema cando a Coordinadora Nacional aínda non botou a andar o método para escolla das persoas e que en principio será aberto a toda a militancia e por escolla directa entre todas as persoas que se presenten.

Anova-IN apoia as mobilizacións de rebelión cívica

Anova-Irmandade Nacionalista apoia as mobilizacións de rebelión cívica que fan fronte ás políticas contrarias aos intereses da maioría social que aplica o Partido Popular auténtica bridgada de demolición, exercendo de moneco de ventrílocuo da Troika, na Galiza, no Estado español e no ámbito europeo.

Comunicación das persoas dimisionarias da Permanente de Anova

A toda a militancia de Anova: comunicación de membros dimisionarios da Permanente

Irmás e irmáns:

Despois dun traballo interno, exitoso, para a celebración dun impecábel referendo, exemplo de como se deben tomar as decisións importantes nunha organización democrática, horizontal e participada, decidimos:

Presentar a nosa dimisión irrevogábel da Comisión Permanente de Anova porque consideramos que a decisión tomada é un erro estratéxico e político que non nos sentimos con ánimo para levar a cabo como cumpre, por lealdade a Anova, e pensamos que debe ser executado por aquelas persoas que, crendo na vontade do acordo, poidan facelo mellor.

Foi unha enorme honra que nos tiverades encomendado estas funcións que hoxe deixamos.

Apertas irmandiñas

Antonio Araújo Quintas, Institucional
Luis Eyré Diéguez, Relacións Políticas
Mónica Fernández Rodríguez, Patrimonio
Mario López Rico, Comunicación
Consuelo Martínez García, Acción Social
Carlos Méixome Quinteiro, Alternativas Programáticas
Laura Ogando Muñiz, Diáspora
Xosé Manuel P. Sardiña, Comunicación Interna e Redes
Concepción Trigo Portela, Finanzas
Paula Vázquez Verao, Organización

Paula Vázquez Verao – Organización de Anova, en funcións

Todo listo para o referendo de Anova sobre alianzas das europeas

Hoxe Anova afronta unha xornada cun enorme exercicio de democracia interna.

1092 persoas teñen dereito a voto nas 33 mesas electorais do País.

As votacións desenvolveranse dende as 12 h ás 21 h de hoxe, 23 de febreiro de 2014, e o escrutinio global, que será público, realizarase en Gondomar, no local de Anova (r/Párroc Mariño Ferro - nº 19).

Ao centro electoral de Gondomar, onde están expostos os censos de todas as mesas electorais, comezarán a chegar os datos dende as 21 h, e alí tamén se recontará o voto electrónico emitido pola militancia da Diáspora.

En canto se dispoña dos resultados globais, penduraranse da páxina web de Anova e enviaranse á militancia.

Máis información aquí.

Folga do ensino galego o 20 de febreiro

Anova – Irmandade Nacionalista apoia as mobilizacións convocadas polas organizacións estudantís na Galiza do vindeiro xoves 20 de febreiro. Apoiamos e sumámonos a estas mobilizacións unha vez mais, pois as mozas e os mozos deste país non podemos permitir que o Partido Popular siga exercendo de verdugo das e dos estudantes.

Anova fixa o 23 de febreiro para o referendo sobre as Europeas

A Coordinadora Nacional de Anova convoca referendo para o vindeiro día 23 de febreiro para decidir sobre as alianzas para as eleccións europeas.

A militancia de Anova está convocada para decidir en referendo o vindeiro 23 de febreiro sobre as alianzas para as eleccións europeas.
En corenta mesas, repartidas por todo o país, a militancia está chamada a votar durante toda a xornada, podendo escoller entre as seguintes opcións sobre o xeito de que Anova concorra ás eleccións europeas, todas elas propostas no debate previo habido nas distintas asembleas territorias:

1). que Anova participe integrada en coalición coa esquerda federal.
2). que Anova conforme unha coalición con forzas políticas da esquerda nacionalista das nacións sen estado e/ou plataformas cívico-políticas de esquerda e rupturistas.
3). que Anova non concorra ao proceso electoral.

De aprobarse a opción 2, a resultante unha vez concretada, precisaría de ser sometida de novo a decisión de toda a militancia polo conxunto da militancia de ANOVA nun novo referendo. Tamén se aprobaron as normas que han de rexer nesta consulta.
A militancia tamén deberá decidir se ratifica o programa de Anova para as eleccións europeas aprobado na recentemente celebrada Convención Nacional
Unha vez pechadas as urnas, ás 21 horas, realizarase o reconto global, que será público, e os resultados publicitaranse de inmediato na web de ANOVA.