Actividade Política

As nosas opinións políticas, intervencións nas institucións, actividades...

Feijóo debe explicar as catastróficas cifras do paro en Galiza dende 2009

Os últimos datos publicados da EPA poñen en evidencia a inutilidade do goberno de Feijóo ante o drama do desemprego.

Galiza rexistra na Enquisa de Poboación Activa un descenso no índice de ocupación dun -3,77% e un incremento do paro de 0,16%, acadando unha taxa de desemprego de 21,96% (277.800 persoas). O número de persoas activas descendeu un -2,93%. Estas cifras de Feijóo son das peores de todo o Estado.

Os resultados da etapa Feijóo falan por sí propios sobre a incapacidade económica deste goberno.
Galiza conta con 52.600 persoas activas menos, 160.100 persoas ocupadas menos e 107.400 persoas paradas máis.
En conxunto, entre 2009 e 2013, a taxa de actividade caeu nun 4% e a de emprego un 14%, mentras que a taxa de paro medrou un 70%.

Por detrás das cifras, milleiros de dramas persoais, de familias sen ingresos e mocidade na emigración, cun goberno que destrúe os sectores produtivos galegos e sen políticas activas de emprego eficaces.

A decisión sobre as alianzas para as europeas será tomada pola militancia de Anova en referendo

A decisión sobre o xeito de concorrencia de Anova ás europeas será tomada por todas as persoas militantes en referendo.

 

A Coordinadora Nacional de ANOVA vén de aprobar datas e normas para que todas as decisións relativas ás eleccións europeas de maio sexan tomadas por todas e cada unha das persoas militantes. A estes efectos acordouse habilitar un sistema de urnas e mesas electorais en todas as asembleas constituídas para facilitar a achega do voto de todos e todas neste proceso, tal e como foi aprobado por unanimidade na sesión da CN de 14 de decembro. (1)

Previamente, celebrarase unha Conferencia Nacional en Santiago de Compostela o 2 de febreiro que elaborará e decidirá o programa de ANOVA a respecto de Europa e a Unión Europea.

Esta toma de decisión para as Europeas é a aplicación dunha lóxica democrática inédita nas organizacións políticas galegas e na que queremos salientar a unanimidade en todo o proceso de acordos na 1ª AN e sucesivas CN.

A totalidade da afiliación de Anova decidirá sobre as eleccións europeas

Anova ratifica que a totalidade da afiliación decida sobre as eleccións europeas.

Celebrarase Conferencia Nacional sobre o programa o 2 de febreiro e referendo sobre eventuais alianzas, a fins do mes de febreiro.

A Coordinadora Nacional de Anova aprobou o calendario da Conferencia Nacional que celebrará sobre o programa para as eleccións europeas. Garántese a posibilidade de asistencia e decisión da totalidade de afiliadas e afiliados.

Así mesmo, sobre o documento programático base ao que se incorporaron máis de medio cento de achegas das asembleas territoriais, a Coordinadora Nacional acordou abrir un prazo de emendas sobre as que se pronunciará directamente a afiliación na Conferencia Nacional do 2 de febreiro.

Nunha vindeira Coordinadora Nacional, fixaranse as normas e calendario do referendo sobre o xeito concreto de alianzas para concorrer ás eleccións europeas.

Beiras participa en representación de Anova no Congreso da CUT-BAI en Andalucía

Xosé Manuel Beiras participa en representación de Anova no IV Congreso da CUT-BAI (Colectivo Unidad de los Trabajadores – Bloque Andaluz de Izquierdas) en Sevilla.

No acto de clausura, que está previsto para o domingo, 19 de xaneiro, ás 18 horas, no Centro Cívico de Torreblanca, falarán Xosé Manuel Beiras (Anova), David Fernández (CUP), Sabino Cuadra (Bildu) e pola CUT-BAI pecharán Diego Cañamero e Juan Manuel Sánchez Gordillo.

Na ponencia política a debate neste Congreso, que pode consultarse na páxina web da CUT-BAI (http://lnx.cut-bai.org/web/), en canto a política de alianzas a CUT-BAI aposta por "implicarse a fondo na construción dun bloque social alt ernativo. A mobilización social sostido, como instrumento de creación de conciencia e vía para ir construíndo alianzas cada vez máis amplas, xoga un papel esencial no camiño de facer posíbel o necesario".

As asembleas de Anova debateron sobre o programa para as eleccións europeas e aportaron medio cento de achegas ao documento

Anova decide programa e alianzas para as europeas nun proceso participativo.

A primeira fase do debate da militancia de Anova sobre as eleccións europeas consistiu na reunión das asembleas territoriais para debate e realización de achegas sobre o documento programático de Anova para as eleccións europeas.

Como documento de traballo e debate nesta primeira fase achegárase o borrador do documento programático para as eleccións europeas que se pode consultar aquí.

Entre finais de decembro e até mediados de xaneiro celebráronse as asembleas territoriais, onde se produciu un rico debate programático e tamén en xeral sobre as alianzas de cara ás eleccións europeas, dando como resultado medio cento de achegas programáticas, que serán agora analizadas pola Coordinadora Nacional, que o día 18 de xaneiro aprobará o documento base a debate para a Conferencia Nacional. A Coordinadora Nacional deste sábado tamén fixará a data desta Conferencia e a militancia poderá de novo aportar achegas ao documento.

Anova contra a retirada do dereito á Sanidade a persoas no estranxeiro

Anova – Irmandade Nacionalista denuncia a retirada do dereito á Sanidade pública ás persoas que leven no estranxeiro 3 meses ou máis e que non teñan dereito a prestación nin subsidio por desemprego.

Trátase dunha nova estocada que o goberno do Partido Popular no Estado dá ás clases populares mais necesitadas. O Goberno de Mariano Rajoy, que aprobou en solitario os Orzamentos Xerais do Estado para o 2014 (na Lei 22/2013, de 23 de decembro), non só reduce outro ano mais as partidas para sanidade, educación, xustiza e demais departamentos da política social, senón que vai mais alá e retira o dereito á sanidade pública a aquelas persoas que leven mais de 90 días no estranxeiro e non teñan dereito a unha prestación por desemprego.

Ao neofascismo do PP instalado no goberno moléstalle a pacificación de Euskadi

Anova expresa o seu apoio á resposta que a cidadanía vasca dea a semellante atropelo

O fascismo no que está devindo o réxime esixe a unión de toda a cidadanía democrática en defensa das liberdades e dos dereitos civís

A decisión de prohibir, a instancia do Goberno Español e da fiscalía, a manifestación convocada para mañá en Bilbo contra a política penitenciaria e de castigo ás familias de presas e presos, é para Anova unha mostra evidente da regresión nos dereitos democráticos e cívicos que está impoñendo o PP para facernos regresar ao "franquismo sin Franco".

Despois de que dous xuíces concorden en que non hai nin indicios de que a manifestación poda constituír delito algún, suspenden os dereitos fundamentais de milleiros de cidadáns e cidadás que estamos pola pacificación e a resolución política e pacífica dos conflitos.

O PP e o réxime decrépito da segunda restauración borbónica que hai poucas semanas loubaban a Nelson Mandela polo seu papel pacificador en Suráfrica mostra o seu cinismo facendo exactamente o contrario no interior do Estado Español

Para Anova, o cada vez máis evidente fascismo en que está devindo o réxime da man do PP esixe a unión de toda a cidadanía democrática en defensa das liberdades e dos dereitos civís.

Por ultimo Anova expresa o seu apoio á resposta que a cidadanía vasca dea a semellante atropelo.

Galiza a 10 de xaneiro de 2014

Información e solucións para Ferrolterra: abonda de mentiras

Máis unha vez os gobernos galego e español permanecen á marxe da realidade económica e social da comarca de Ferrol Terra. A situación límite pola que están a pasar as empresas Navantia e Megasa indica a irrelevancia política dos actuais dirixentes do Partido Popular.
Lembrámoslle á opinión pública que o presidente Feijóo anunciou en setembro de 2012, poucos días antes das eleccións autonómicas, que o acordo para a construción dos floteis con PEMEX xa estaba pechado. A realidade, que se encarga máis unha vez de pór ao descuberto as mentiras e fraudes, amosa que, a día de hoxe, nada hai do que xa estaba asinado e/ou pechado e que, porén, se adía até mediados de xaneiro. A clase traballadora de Ferrol e a cidadanía en xeral precisan explicacións deste, xa repetido, aprazamento.

Así mesmo, MEGASA está ameazada de peche debido á política enerxética do goberno central.

Sobre a denegación de bolsas do MEC

Asistimos a un novo feito indignante en prexuízo da educación pública e a igualdade de oportunidades, un novo chanzo das políticas de recorte que vén realizando o Partido Popular nos últimos tempos.

Facémonos eco desta volta de que nas últimas semanas un gran número de estudantes solicitantes das bolsas para estudos universitarios do Ministerio de Educación e Ciencia(MEC) recibiron correos electrónicos deste, nos cales o ministerio lles denega a axuda económica a pesares de SI cumpriren os requisitos necesarios para concederlles a bolsa, requisitos xa de por si mais endurecidos nas últimas convocatorias, que non fan máis que tentar devaluar o ensino público ao mesmo tempo que elitizan o sistema universitario.